Opinión

Barquero debe seguir

José Ángel Vázquez Barquero non está imputado, polo tanto, non hai tema. Pero aínda que o chegase estar, debería seguir, sen dúbida, na carreira electoral. Primeiro, é unha inxustiza que se fagan xuízos paralelos antes de que falen os tribunais. Quen lle devolve o creto aos imputados absoltos? Entendo ao ministro de Xustiza, Catalá, cando fala de controlar as filtracións desde os xulgados e a pena do telediario. Pero equivócase co tema da prensa. Había, para empezar, que poñer fóra, facer perder a condición de funcionario -ou de contratado, ou de laboral, ou do que fose- ao traballador corrupto, de bedel a maxistrado, que en vez de custodiar a documentación que pasa polas súas mans se dedica a difundila. Fóra por indigno. Escandaloso é que cheguen as noticias aos xornais antes que aos interesados.

En fin, Barquero, insisto, non está imputado e a única medida que debe retirar a alguén de algún sitio, creo eu, é unha condena. Non unha acusación, unha imputación, unha foto en malas compañías. Eu presúmolle a inocencia a todo o mundo, ata que hai sentenza. Incluído o exministro Juan Fernando López Aguilar. Outra cousa é que os cidadáns valoren indicios, falares, suposicións, presuncións, sensacións, fotos e que estes datos axuden a orientar o voto.

En fin, que se Vázquez Barquero dixo no seu momento que abandonaría, se resultaba imputado, non ten a mínima importancia. A política, non nos enganemos, é a arte de facer o posible cos medios que se teñen, contando coa vontade inicial dos cidadáns. Inicial. E os políticos, claro, para conseguir ese apoio inicial, tenden a prometer montes e moreas no caso de chegaren ao poder. Pero, por puro sentido común, cando acceden ás responsabilidades e ven que as cousas non son como pensaban, para seren autenticamente responsables teñen a obriga ética de incumpriren o prometido e adaptárense ás circunstancias sobrevidas e descubertas, e así impulsaren a que consideren mellor gobernación.

De alí a un tempo, isto é a democracia, a xente volverá falar e valorará se fixo ben ou mal rectificar. Quen nos ía dicir, por exemplo, que Felipe González faría unha reconversión naval como a que fixo, Ferrol mediante, ou que nos faría continuar na OTAN? Quen nos ía dicir que sería Aznar o que acabase coa mili obrigatoria? Quen nos ía dicir despois de todo o que dixo Mariano Rajoy dos impostos, ían subir? En fin, deberon facer ben, seguramente, na maioría destas rectificacións, pois iso recuncaron no poder cando os cidadáns houberon de votar de novo.

O exercicio da reponsabilidade está, pois, por riba da escravitude da palabra, xa que esta sempre responde a determinados contextos e circunstancias e unha vez modificadas, non ten sentido estar ancorado, pexado, atuado por ela.

Ademais, imaxina alguén a situación en que quedaría o PSOE local se Barquero baixase do cabalo a metade de carreira? Como é persoa responsable, estou seguro que nin lle pasará pola cabeza. Dixera o que dixera. O vento leva as palabras sobras. Do que se trata, creo, é de que os candidatos debatan sobre proxectos, ideas, capacidades, posibilidades, responsabilidades no pasado, no presente e no futuro da xestión municipal e non sobre tecnicismos legalistas dos contratos desta lexislatura avolta que, creo, todos queremos esquecer dunha vez.

Te puede interesar