Opinión

Belen, cervexas e galego internacional

Puxen por riba do moble da entrada unha figuras dun belén de madeira de oliveira. Só cos tres personaxes principais. Teño que volver polo resto. Polo menos polo boi, o burro e os Reis Magos. E lembreime de cando os comprara. Cóntollelo como un conto de Nadal.

Hai media ducia de anos parei un par de semanas en Xerusalén, nunha das experiencias máis curiosas da miña vida. As linguas que máis usabamos eran o inglés e o castelán. Primeiro inglés, claro, que ben vin que o falaba todo o mundo, menos uns ortodoxos repunantes, de abrigo negro, chapeu e riziños aos que lle preguntei creo que o número dun autobús para ir ata a Porta de Jaffa , e que me contestaron sen mirarme e azaneado a cabeza: “Hebrew, hebrew”, abafados polos corenta graos de temperatura e as vestimentas dos seus avós polacos. E despois castelán, pois os máis de cen mil arxentinos emigrados a Israel nos últimos anos están moi presentes na vida social e económica do país e, en fin, sempre son xenerosos coa palabra. Pero tamén usei o galego nun par ocasións e fun envexado por elo. Cóntolles.

Ás noites, cando acababamos o cursiño, iamos unha boa parte dos participantes á zona de pubs, na rúa Ben Yehuda e próximas; non lonxe da muralla da cidade vella. Como pasa sempre que paras uns días por aí, afaste a ir a un local onde tomas a primeira cervexa e serve de base. No noso caso era un pub de jazz e fume que se chamaba Birman, e que era atendido por un tipo delgado, de descoidada melena cana, con pinta de vello hippie, e onde acudían músicos, debuxantes, etc. Alí comiamos xamón e non se repectaba o sabath: un sitio de xente normal. Pois a cuarta ou quinta noite demos en falar de política. El fora candidato polo Green Leave, que eu crin ecoloxistas polo nome, pero axiña explicou que eran defensores da marihuana.

-Ah, carallo! -dixen eu.

–Carallo? -Repetiu el, asombrado.

Despois de cruzar as preguntas correspondentes, rimos e cambiamos de lingua. El vivira varios anos no Brasil. Os outros contertulios sorprendíanse de que topásemos unha lingua común que eles descoñecían. Mirábame con envexa Jordi, de Barcelona.

Á mañá seguinte, non seguimos á organización –eles ían a unha sinagoga para ver uns “oficios”, creo- e nós fomos cuns palestinos do hotel á parte de alá do muro, a Belén. Despois de ver a igrexa da Natividade cos seus marabillosos mosaicos bizantinos, a súa cripta onde seica foi o nacemento de Cristo, e a súa pobre fachada, paramos, claro, nun local de souvenirs dun “primo” do palestino que conducía a furgoneta. Alí escollín un Belén –o que acabo de montar- e cando ía pagar, o home preguntoume que de onde era. Como sempre nestes casos díxenlle: “I’m from Galicia, the northwest corner of Spain, just above Portugal, on the coast of the Atlantic ocean”. Para a miña sorpresa o home sorriu e dixo: “Falará galego?”. Vivira seis anos en Lisboa e tivera familia na Coruña. Ao catalán púñanselle os dentes longos.

-Que sorte tedes! -dixo.

-Máis ou menos -díxenlle eu, sorrindo-. Máis ou menos.
 

Te puede interesar