Opinión

Ben veñas maio e con alegría...

A dos Maios, como sabemos todos, é unha desas festas cíclicas do ano que se reproducen por toda Europa. Así, Entroido sería a festa da fin do inverno; os Maios, a exuberancia da primavera; o San Xoán, o inicio do verán; a vendima, a súa fin; o Magosto, o apoxeo do outono, e o Nadal, o cru do inverno.

E sabemos tamén que en Ourense os Maios rexorden hai pouco máis de cen anos, con premios da marquesa da Atalaya Bermeja e organización na que colabora o Tío Marcos da Portela co Concello. E desde aqueles concursos hai polémica entre os tradicionais -pirámide ou cono simple- e os chamados “artísticos” con evocacións de escenas da vida rural, etc. Un artigo no Tío Marcos da Portela, de 1917 di así: “O TIO MARCOS querendo recompensar de algún xeito os traballos que levaron algús rapaces, faguendo mayos moi artístecos, pro que, por non responder a forma típica d’os verdadeiros debían quedar fora d’o concurso, deu un prémeo de corenta reás... ô... de D. Guillermo Cabanes”. 

Tamén as coplas teñen unha evolución radical. Na serie histórica predominan as temáticas locais posto que ese era o ámbito primeiro e principal da vida; nas das últimas décadas os asuntos relacionados coa realidade en espello da televisión ou das redes, marcan tendencia.

Pero hoxe, quérolles lembrar algo de Afonso X o Sabio. Como saben, este rei que cumpriría 800 anos en 2021, estivo moi vinculado ás terras ourensás; aquí se criou, aprendeu galego e de aquí gabou o viño. Aquí polo menos, iso di Ben Cho Shey e outros estudosos, ten enterrada unha das súas fillas, no chamado “sepulcro da infantina” na Catedral de Ourense.

E integrada nas Cantigas de Santa María, aparece co número 406 a primeira das súas “maias”; unhas composicións de benvida á primavera que tratan motivos mundanos para os que se require intercesión mariana e auxilio divino, e que lembran as nosas coplas dos Maios. 

Os primeiros versos destas estrofiñas dan sempre a benvida ao mes; nos segundos reclámase intervención da Virxe e de Deus, e nos últimos fai referencia ao mal a previr ou corrixir. Os comezos non poden deixar de ser máis eternos. Algúns exemplos: “Ben veñas maio e con alegría...”, “Ben veñas maio con toda saúde”, “Ben veñas maio e con lealdade...”, “Ben veñas maio, con moitas riquezas”, “Ben veñas maio, cuberto de froitas...”, “Ben veñas maio, con bos sabores...”, “Ben veñas maio, con vacas e touros...”, “Ben veñas maio, con pan e viño”, “Ben veñas maio, manso e non sañudo...” 

As estrofas teñen temas e argumentos comprensibles á pesar dos máis de sete séculos e medio desde que foron escritas. Algunhas ben curiosas. Por exemplo, unha di exactamente Ben veñas maio, con bo verán/ e nós roguemos á Virxe do Chan/ que nos defenda de home moi vilán/ e do atrevido e do torpe albardán. Si, repítese a prevención contra os burros -que levarían albardas- e parvos e argalleiros noutra que di: Ben veñas maio, alegre e fermoso/ e por ende á Madre do Rei Glorioso/ roguemos que nos garde do noxoso/ home e do falso e mentiroso. Outras son mostra do seu interese persoal na finalización da reconquista: Ben veñas maio, alegre e sen saña/ e nós roguemos a quen nos gaña/ ben de seu Fillo, que nos dea tamaña/ forza que saian os mouros de España. 

En fin, esta primeira maia, remata dicindo Ben veñas maio, con bos manxares/ e nós roguemos en nosos cantares/ á Santa Virxe ante os seus altares/ que nos defenda de grandes pesares. 

Pois iso, que veña o maio ben, cargado de cousas boas para todos vostedes, é o que lles desexa quen escribe estas letras.

Te puede interesar