Opinión

Boas ideas, caramelos e fracaso

Se cadra a idea que máis fracasou dos gobernos de Alberto Núñez foi a fusión de concellos. Era boa, pero é difícil pedir a un neno que deixe de comer un caramelo ou a un político que cuspa o seu. Así, mantemos a estrutura administrativa local creada en 1833 e ben que cambiaron as cousas da poboación e as formas de mobilidade e comunicación; a xente e as empresas, sábeno e adáptanse. 

E estoulles preocupado polo Concello de Ourense. Tamén desde o punto de vista demográfico. Somos a terceira cidade de Galicia, seica si. Pero hai cousas preocupantes. O concello superou os cen mil habitantes en 1986. No 1999 tiña 110.796, e no 2010 mantiña 108.638. E desde aí, ano a ano baixa, ata os 105.505 de 2018. Ou sexa, uns 3.000 habitantes perdidos en oito anos. Entrementres, Lugo pasou de 88.235 en 2000 a 98.025 en 2018, uns dez mil máis; e Santiago, nese mesmo período, de 93.902 a 96.405, case tres mil máis. Ou sexa, se as curvas de poboación seguen así, non tardaremos en pasar da terceira a quinta cidade de Galicia e perderíamos o listón administrativo dos cen mil habitantes. 

En fin, a nosa provincia, envellecida, xa non dá “abastecido” de xente a cidade, en cantidade abonda para equilibrar aos mozos con inquedanzas e estudos que deben marchar fóra dela. Evidentemente non hai ideas e solucións máxicas para problemas complexos, pero a min, ocórreseme unha. Condenada ao absoluto fracaso, creo, porque contradí os intereses políticos, non no sentido dos da polis, da cidadanía, senón das estruturas do poder que, como todos os organismos, tratan sempre de conservar a vida. En síntese, créolles que habería que camiñar á fusión cos concellos limítrofes. Primeiro, claro, Barbadás (dobrou a poboación nos últimos dezaoito anos, ata os 10.951 actuais, e de facto é unha parte importante e dinámica da cidade de Ourense). E tamén, San Cibrao das Viñas (tamén dobrou ata os 5.249) e O Pereiro de Aguíar (que subiu ata 6.254), e que se ben non forman un contínuum no tecido urbano como a Valenzá, si teñen os tres áreas dormitorio da cidade e polígonos industriais satélites da mesma. 

O Polígono de San Cibrán de Viñas (430 empresas, 8.500 traballadores) e o de Barreiros (100 empresas, 1.000 traballadores) están ambos en San Cibrao; e o Parque empresarial do Pereiro (40 empresas, uns 3.000 traballadores, seica) en Pereiro de Aguiar. Os tres nútrense de poboación de Ourense que se despraza, e as industrias pagan os seus impostos nestes concellos. Pola contra, as áreas industriais do de Ourense están reducidas ás modestas do 21, nos Coiñás (20 empresas e 500 traballadores) e de Seixalbo, con cifras semellantes, á parte dalgunhas industrias e talleres zarraspicados pola entradas á cidade, sobre todo na de Vigo. 

E si, igual que onte Canedo, agora podería ser boa cousa fusionar estes catro. O resultante tería 215,81 km2 -algo menos que Laza- e 127.959 habitantes, a data 1 de xaneiro. Tería un reforzado potencial para liderar como cidade capital o interior sur de Galicia e norte de Portugal e debería servir mellor os intereses de todos os veciños, urbanos e rurais. Supoño que a 3 alcaldes e a 43 concelleiros -e moitos funcionarios- non lles fará moita gracia a idea, pero non me negarán que sería un revulsivo interesante.

Te puede interesar