Opinión

Bolsas de plástico

Coma calquera, manteño unha relación dobre coas bolsas de plástico. Abomino das que acaban atragoando aos golfiños, cachalotes, das que ciscan os gamberros do botellón, das que vemos á beira das estradas... Si. En xeral,  as bolsas de plásticos teñen moi mala fama. Pero a min, gústanme, tamén, porque nos fan a vida máis cómoda, pois teñen miles de usos, desde meter roupa sucia na maleta de volta, ata cubrir a cabeza nas chuvias torrenciais, facendo figuras grotescas.

Gústanme, si, as bolsas do súper. Todas.  As trenzadas grandes, tipo Mercadona, porque son como os capachos antigos á hora dos traslados de domicilio ou de instalar pisos de estudante: cabe todo todo. Pero tamén me gustan as modestas bolsas con vocación de efémeras, que ata agora, en xeral, non se pagaban, e deica pouco, si. E gústanme porque creo que todos, ou polo menos case todos, logo de dármoslles varias vidas, acabamos con elas, cunha morte digna: bolsas do lixo. Así pois, obrigando a que o cliente pague as bolsas de plástico, a bo seguro que a xente xa as traerá da casa, gastaranse menos e haberá menos contaminación de mares. 

Pero non todo é tan simple. Os máis felices coa medida, supoño, serán os fabricantes de bolsas de lixo. Levo días abrindo o contedor cando baixo a vasura e mirando as bolsas que hai dentro -inspección puramente superficial.

Trece, contei onte á vista entre o contedor amarelo do plástico -catro-  e o verde de caixón de xastre, nove. Delas, das trece,  once era do Gadis ou da Olivia -estas últimas para os plásticos, que caben mellor polos portelos pequenos-.  E dúas eran máis grandes, de cor gris escuro e autocerre, das de “pago”. En fin, a utilización secundaria, ecoloxista, das bolsas do súper como bolsas do lixo non foi algo planificado, intencionado, senón  algo inercial, natural, de pura lóxica ecolóxico-económica da intelixencia popular. Se teño unha bolsa para o lixo, por que vou comprar outra? En fin, ese  uso secundario é da familia do uso dos rodamentos para rodas dos carros de bolas da nosa nenez ou dos somieres como cancela  para as fincas do rural ou, incluso, das bañeiras como bebedeiros para o gando nas fincas de arestora. O pobo é que máis ordena, dicía José Afonso.

As bolsas de papel, en xeral, parécenme pretensiosas. Si. As das tendas de roupa son tan “cartoné”, con asas case de calabrote, que dá pena incluso tiralas ao contedor da reciclaxe de papel.

E sempre que se fala de bolsas lembro unha anécdota dunha viaxe a Venecia. Resulta que moitos dos rapaces -era excursión escolar de 2º de BAC- levaban os seus bocatas, botellas de augas, etc. en perralleiras bolsas de súper. E reparei en que dúas alumnas -encantadoras, positivas, procurando botar unha man en que todo saíse ben- levaban cadansúa impecable bolsa de Carolina Herrara. Pregunteilles, e entre risas me contaron que entraran nunha tenda da cadea e, con naturalidade, se dirixiran a unha dependente da súa idade e tipo, á que lle dirían tal que: “Oh, fíxate. Ter que ir con estas bolsas horribles de plástico... seguro que nos podes dar ti un par delas para non ir facendo o ridículo por aí”. E aqueles doces sorrisos  deses que abren portas, tamén gañaron bolsas.

Te puede interesar