Opinión

Botellón e outras cousas

A min o botellón preocúpame, sobre todo, polo incivismo. Non teño nada en contra de que uns rapaces maiores de idade compren as súas cervexas nun súper e as vaian tomar a un lugar onde non molesten sempre que non amolen aos veciños, e sempre que despois, na mesma bolsa onde trouxeron as latas, recollan o lixo e o depositen nunha papeleira. (Por certo, en Noruega, non sei se no resto do norte, hai pubs de 18 a 21 anos onde só serven cervexa porque para beberen cousas tipo vodka ou wisky cómprelles ter máis de 21.) En fin, unha posta de sol na praia, unha conversa ao pé do río, unha charla e unha Estrela -incluso Cero Cero-, un trago social... nada que obxectar. Si, claro, se son menores, se berran, se se emborrachan, se deixan todo ciscado. A educación é ensinar a xestionar. E cenoria e pau, segundo sexa necesario. Todo vén da casa. As mamás e os papás deben facer que recollan os seus cuartos e non deixen as cousas esparexidas polo salón, o chan do baño, e teñan inercias positivas. Porque, imaxina alguén que un neno tome unha coca cola e unhas patacas fritas na casa e tire despois ao chan a lata e a bolsa? Eu si. E respéctoo. Se llo consenten. É a liberdade doméstica. Cuestión particular. Como se as espiñas van do prato do pai ou da nai ao chan. Se cadra inda lles fai ilusión limpar as alfombras da graxa unha vez ao día. Alá cada un. Na súa casa, da súa capa poden facer un saio ou incluso dous se son pequenos. O queiran. Como se deixan que o neno faga pintadas con spray por riba dos cadros e paredes e lle poña bigotes á foto da avoa. O domicilio é inviolable (Título I, capítulo 2, artigo 18 da Constitución vixente). Insisto, alá como xestionan a súa autoridade os proxenitores. Pero ollo co colectivo, moito ollo. Xa non é iso. É de todos. Un pouco meu. E aí, inflexibilidade máxima. Non sei se terá que vir o remedio dunha sociedade tan próxima, tan semellante á nosa, en historia, costumes, consensos sociais, cultura e climatoloxía, como a islandesa. Pode ser. Se cadra. Pero desde logo é fácil imaxinar media ducia de medidas coercitivas e educativas -os ditos pau e cenoria- e escoitar a xestores da xuventude de por aquí. Para ir indo.

E hai outra cuestión relacionada co poder facer a un lle pete, sen máis, nos espazos públicos e que a min me encabuxa. As pintadas. Aí si que debería haber tamén un plan global, se cadra autonómico. Dicir que é liberdade de expresión emporcar con rotuladores e sprays fachadas de pedra ou portas, escaparates, mobiliario urbano de calquera cidade, Ourense, Vigo ou Santiago, por exemplo, é como dicir que é unha consecuencia da liberdade de exercicio físico zoscarlle a alguén. As pintadas son unha pura agresión ao ben público, á imaxe social, á imaxe da cidade. Está ben, por suposto, a promoción do turismo, Fitur, o termalismo, o Xacobeo, os patrimonios da Humanidade, e todo o que se queira; debemos compartir as nosas marabillas, pero tamén debemos preservalas con radicalidade. E aplicar as tres erres da conservación do patrimonio: revisar o que está mal, reparar de inmediato o estragado, reprimir con dureza as agresións. Ollo, igual que hai bens públicos, hai males públicos. E contra eles, sen descanso. 

Te puede interesar