Opinión

"Brexit" e linguas na UE

A Unión Europea, conforme á idea fundación de integración respectuosa, ten 24 linguas oficiais: as propias dos estados e cinco máis con recoñecemento oficial para algúns usos rituais; tres delas son de España (vasco, catalán, galego) e máis o galés e o céltico escocés. Non coinciden o número de linguas e o número de países porque hai algúns que comparten. Por exemplo, o alemán que tamén o é de Austria, o inglés de Irlanda e o francés, holandés ou alemán de Bélxica, etc.

En fin, como poden supor, o sistema parte de algo xusto e fermoso -que ninguén vexa a UE como allea á súa cultura- pero querelo levar ao funcionamento cotián das comisións de traballo sería un disparate, pois ningunha institución pode funcionar ao tempo en máis de vinte idiomas. O sentido común reduciu as linguas de traballo, practicamente, ás tres maioritarias: inglés, francés e alemán.

Botando contas incluíndo ao Reino Unido, as cinco linguas con máis falantes nativos da UE a 28 eran: alemán (82 millóns), inglés (70 millóns), francés (64,5 millóns) italiano (60,8 millóns), español (46,3 millóns).

Coa saída do Reino Unido, a situación cambia radicalmente: o inglés nativo baixa ás posicións marxinais. Se temos en conta que a Unión resultante do “brexit”, fóra xa os 65,5 millóns de habitantes do Reino Unido, tería uns 444 millóns de habitantes, e que Irlanda ten 4,6 millóns de habitantes, pouco máis do un por cento da poboación da nova UE tería o inglés como lingua nativa. E aínda por riba Irlanda xa ten como lingua oficial na UE o seu ritual e ultraminoritario céltico irlandés.

Pero, loxicamente, a influencia do inglés vai moito máis alá dos nativos. Hoxe é a segunda lingua de falantes naturais (o 13 % ) pero cun 38 por cento de habitantes da Unión que o teñen como segunda lingua. (España, por certo, ocupa o penúltimo lugar de falantes secundarios de inglés -o 22 por cento- só por detrás de Hungría -un 20 por cento-.) Ou sexa, un 51 % dos habitantes da UE actual saben falar inglés. O alemán e o francés teñen cadanseu 14% de falantes secundarios, o que os sitúa nun 32 e 26% de falantes totais. Nótese que coa ampliación ao leste, a importancia relativa do alemán medra, pois en todos os países do centro e leste -excepto Romanía- os falantes secundarios do alemán multiplican aos do francés. En Croacia, por exemplo, o 34 % fala alemán e só o 4 % francés.

Os falantes nativos de español somos 8 por cento dos cidadáns da Unión -contando a todos os españois- pero só hai un 7 % de falantes secundarios noutros países; só en Francia, Portugal e Italia pasan, e pouco, do 10 por cento. Cumpría traballar ben mellor o tema.

Sen dúbida, o “brexit” alterará a cuestión dos equilibrios de linguas na UE. Supoño que tanto o francés como o alemán tratarán de mover ficha para medrar o seu uso nas institucións. Pero a importancia do inglés seguirá tendo que ver coa súa proxección mundial e por aí debería tratar de meter o fociño o castelán no novo contexto, fronte ás linguas só locais, como o alemán. En fin, o ideal é falarmos varias linguas grandes e poder combinar como fan os dos países máis cultos e avanzados. Sempre digo que nós, galaicos, estamos nunha situación privilexiada; lingua de identidade que nos dá personalidade de noso no mundo, galego; dúas linguas naturais de relación mundial, castelán e portugués; e se aprendemos na escola inglés e francés ou alemán, pois cinco, sen moito traballo.
 

Te puede interesar