Opinión

Bulas e outras cousas

Abula é un documento pontificio solemne aínda que a expresión popular “ter bula” significa poder facer algo sen que os demais o critiquen ou dean opinión. A cousa vén das indulxencias ou bulas que vendía a Igrexa para conseguir cartos, moitas veces para soster obras no Vaticano. Os que as compraban podían facer cousas como comer carne os venres ou veren perdoados os seus pecados. E como a Lutero non lle chistaba o asunto, protestou, queimou a bula contra el dirixida a finais de 1520, e naceu o protestantismo. Hoxe, por sorte, ninguén adoita “ter bula” para nada porque a liberdade de opinar é un dos principios da nosa sociedade.

Outra cousa son os extremismos. Que son malos, é fácil de ver. Gozar co viño está ben, estar borracho todo o día, mal. Comer con moderación está ben, a anorexia e a bulimia, mal. Amar unha lingua está ben; non querer saber outras, está mal. Manter opinións está ben, non escoitar aos demais, está mal. Viaxar está ben, non ter parada ou non saír do propio, está mal. E se falamos da política, igual. A extrema esquerda, digamos o GRAPO na Transición, foi algo vil e asasino; a extrema dereita, os Guerrilleiros de Cristo Rey, outro tanto. E moito mal fixeron a esquerda e dereita. No panorama social de hoxe, parece que a moderación decae e téndense a asumir como normais, moitas ideas extremas. En calquera caso ningunha delas ten, nin debe ter, bula. Todo pode ser obxecto de debate e crítica. Así, os opinadores poñen a caldo, segundo o que pensen, a Vox, ao PP, ao PSOE, a Podemos, ao BNG, a quen queiran... Ninguén, nin o rei novo nin o vello, teñen bula. Ninguén.

Tamén sabemos que as grandes palabras agochan realidades contraditorias. Por exemplo, de dicirmos cristianismo debemos incluír a Inquisición, a Teresa de Calcuta, a cregos malos e a monxas que coidan exemplarmente dos velliños do asilo. Ou o comunismo, engloba a tipos como Stalin ou reformadores como Berlinguer. Se mentamos a “república” vemos como se acollen baixo o seu nome a Federal de Alemaña, a Popular de Corea, os EEUU ou o vello Chile pinochetista. Ningunha palabra pois, por grande e aparente, pode gozar de bula, pois entre o gran pódese ocultar a palla e, incluso, o veleno. 

Pero hai hoxe dous temas que parecen que teñen bula, cos que non rexe a liberdade de opinión e crítica; máis ca intocables, parecen xa inopinables. Un, o animalismo. A defensa do medio e do benestar animal vivímola con liberdade moitos amantes da natureza, seducidos por Rodríguez de la Fuente e o comandante Cousteau, e enérvanos o disparate dos que falan, por exemplo, de que o xamón provén do asasinato do irmán porco, co que deberíamos ter igualdade de dereitos. E a outra realidade sobre a que non se adoita opinar, é o plural feminismo. E está ausencia de aproximación crítica, especialmente desde dentro, está deixando que xentes como as que fixeron as pintadas na catedral de Santiago -”yo no salí de tu costilla pero tú sí de mi coño”- ou corean lemas como “la talla 38 me aprieta el chocho”, escurezan o esforzo igualador das mulleres, a histórica loita feminista, e lle dean aire aos seus contrarios. Elas deben ser as primeiras interesadas en coutar eses excesos contraproducentes. Teñamos presente que misoxenia e misandria son dúas condutas que atacan a honra e equidade das persoas. En fin, bula, para ninguén.

Te puede interesar