Opinión

Camilo Nogueira, en Trasalba

Camilos Nogueira coñezo a tres. Un era camareiro no Alaska cando eu tiña dezasete ou dezaoito anos. Outros dous son famosos. O primeiro, Camilo Nogueira Martínez (1904-1982) foi destacado membro do Partido Galeguista antes da guerra, escultor de éxito primeiro en madeira e logo en pedra, autor de moitas obras que decoran edificios e parques na cidade de Vigo. Artista na liña de Asorey e Bonome, foi estudante no seu tempo na Academia de San Fernando de Madrid, canda Colmeiro, Souto, Maside; logo profesor na Escola de Belas Artes de Vigo, onde foi mestre de Xoán Piñeiro e Silverio Rivas, etc. Este é o Camilo Nogueira escultor de Vigo no centro do século XX. O outro, de quen falaremos hoxe, é Camilo Nogueira Román, fillo do anterior e de Teresa Román, e que naceu tamén no Calvario, daquela Vigo suburbial, cando rematada o ano do mal fado de 1936.

Ben. Moitos identifican a este último Camilo Nogueira como político da esquerda nacionalista -e acertan- e algúns se preguntan como leva o premio que leva o nome dun galeguista católico e conservador como Otero Pedrayo e, máis aínda, como se lle dá o premio mañá, o día das eleccións. Vaiamos por partes. O premio Trasalba sempre se entrega o derradeiro domingo de xuño, ou sexa que xa tiña, a Fundación, “collido o día”. Moi culpables non son eles de que non houbese resultados claros en decembro, nin que houbese que repetir eleccións. En fin, a data é rabuda, pero non toda a vida pode estar condicionada pola actividade política.

Pois ben, creo que Camilo Nogueira ben merece este premio e outros máis que se lle desen. Se repasamos a súa traxectoria lembramos que este enxeñeiro industrial traballou en Citroën en Vigo, finais dos sesenta principios dos setenta, onde desenvolveu un activo papel no asociacionismo cultural e político, logo traballou en Sodiga, e, da súa vida política, o máis destacado, baixo o meu punto de vista, é que se erixiu na transición na voz civilizadora dun nacionalismo galego que estaba a monte. Explícome. Cando en 1977 se empezaba a organizar o traballo conxunto pola Autonomía, el foi quen de sacudirse o sambenito de apóstolos do non e contrarios a todo, e propiciou que unha forza pequeniña, o Partido Obreiro Galego, participase con moita influencia naquel movemento conxunto. Naqueles anos de chumbo, finais dos setenta principios dos oitenta, a inculturación á democracia do nacionalismo viñera das mans de Bandrés e Euskadiko Esquerra no País Vasco e de Camilo Nogueira e o seu POG -e logo Esquerda Galega- en Galicia. Ambas forzas foron claves, como a UCD nestas transicións, e logo, igualiño, desapareceron. Camilo Nogueira foi deputado de novo no Parlamento Galego por un BNG máis actualizado, e en 1999 marchou a Europa, directamente, sen alianzas externas, co respaldo de 350 mil galegos. Incriblemente, o BNG non o deixou repetir en 2004, creo que por europeísta convencido. En fin. Logo deixou a primeira liña da actividade política e dedicouse máis ao ensaio de reflexión histórico e político como nos seus libros “A memoria da nación”, (2002), A terra cantada (2006), “Europa, o continente pensado” (2008), “Galiza na Unión, a porta atlántica” (2008), “A rota do sol” (2012) ou “Para unha crítica do españolismo” (2012).

A súa bonhomía e vontade de acordos positivos, a centralidade de Galicia no seu pensamento, a súa paixón por Europa e o traballo intensísimo e permanente en pro das súas ideas en todos os foros, é algo que todo o mundo aprecia e recoñece en Camilo Nogueira Román. Mañá, por exemplo, a Fundación Otero Pedrayo e os que se queiran achegar. Que os días son longos e dan para todo. Felicidades.

Te puede interesar