Opinión

A cantiga de Santa María nº42 e o Mundial de Rusia

As paixóns deportivas, como saben, veñen de lonxe; xa do tempo dos romanos e dos gregos. Pero empecemos polo principio, porque como di o San Xoán no inicio do seu evanxello: “No principio era a palabra”. A palabra “xogar” vén do latín iocari, facer algo con alegría, por divertimento -da familia xolgorio, por exemplo-; algo contraposto, claro, ao traballo. A palabra “deporte” vén da idea de mover dun sitio a outro que conserva o verbo deportar. Os deportistas, pois, móvense dun sitio a outro e non deben cobrar; doutro xeito, son, de seu, traballadores. Pois ben, o caso é que a Cantiga de Santa María número 42 fálanos da paixón do xogo da pelota. Só repararei nunha estrofa. Comeza dicindo o simpático milagre da Virxe -saca a un mozo da cama onde estaba coa moza coa que acaba de casar para levalo de ermitán- que “foi en terra d' Alemanna”, e sinálanos, e é o que agora nos interesa, que diante da igrexa na que se dá o milagre había unha “praça”. E segue: “En aquela praç' avía un prado mui verd' assaz/ en que as gentes da terra ían teer seu solaz/ e jogavan à pelóta, que é jogo de que praz/ muit' a homees mancebos mais que outro jóg' atal”. Ou sexa, diante da igrexa había un prado moi verde onde se ian divetir os mozos xogando ao que máis lles gusta, a pelota.

Iso do prado verde e mozos xogando á pelota levaríanos á pensar nun antepasado do fútbol, pero non. A resposta, nas propias Cantigas. Vexamos. Conservamos catro códices, ou sexa catro manuscritos. Dous deles teñen miniaturas; sobre dúas mil imaxes do tempo. E no “Códice Rico” do Escorial -o tipo cómic que a todos nos vén á cabeza-, na lámina da cantiga 42 vénse, efectivamente, a uns mozos xogando á pelota. Pero no sentido que se lle dá hoxe a “juego de pelota” en Venezuela e Cuba. Ou sexa béisbol. E si, era xogo vello relacionado co que inzou no norte de Castela e País Vasco contra os muros laterais das Igrexas ou en frontóns feitos xa para iso. Pero, boa fama non tiña. Así, na primeira das Sete Partidas -a orixe do corpus lexislativo de España- de Afonso X o Sabio, no título V e VI ordénase a vida dos cregos e sinálase: “No deven yr a ver los juegos: assi como alançar, o bohordar, o lidiar los toros, o otras bestias bravas, nin yr a veer los que lidian. Otrosí, non deven jugar dados, nin tablas, nin pelota, nin tejuelo, nin otros juegos semejantes destos, porque ayan de salir del assossegamiento, nin pararse a ver los, nin a tenerse con los que juegan...”. Posteriormente moitos manuais de comportamento dos cregos nas “constitucións sinodais”, dadas polos bispos de Castela reproducen máis ou menos o mesmo. Curiosamente, nas de Ourense impresas por Vasco Díaz Tanco en 1544 non se nomean nin touros nin pelota e despois da prohibición xeral de xogar cartos -dineros secos- di que “permitimos a las dichas personas ecclesiásticas que por su recreación , clérigos con clérigos o con legos personas honestas y en lugares honestos sin hazer falta en los divinos officios e horas canónicas, puedan jugar a las cartas, tablas e axedrez, fruta e vino: y en dinero hasta tres reales: por lo cual no incurran en pena alguna”.

Voulles facer caso: nin pelota, nin touros, nin xogar cartos, para non saír do “assosegamiento” como dicía o meu tocaio sabio. Vostedes verán. 

Te puede interesar