Opinión

Cataluña, no corazón

Leo con preocupación as novas que chegan desde Cataluña e lémbrome daquel sentimento que adoitabamos aporlle desde o resto de España aos comportamentos construtivos e sensatos que viñan de alá na época da transición: o “seny”. No seu dicionario sinálase, e cito sen traducir por iso da irmandade de linguas, que ese “seny” é a “capacitat de pensar i considerar les situacions i circunstàncies per distingir el que està bé del que està malament i actuar de forma correcta”. Hai tempo que non se invoca ese “seny”, que aquí, o noso primeiro presidente, o xa centenario -felicidades- Xerardo Fernández Albor, asimilara ao noso “sentidiño”. 

E teño sospeitas de como se chegou a esta esperpéntica situación nunha das poucas democracias plenas do mundo, co máis alto nivel de liberdades persoais e de beneficios do estado do benestar, e cunha organización territorial tan descentralizada e plural. A transformación do estado centralista e ditatorial de Franco no autonómico e democrático de Juan Carlos I, foi, no momento, un éxito colectivo, social e político absoluto. Pero o afecto a esta nova realidade que nos permitía andar orgullosos polo mundo e xestionar as nosas cousas cun nivel de liberdades inédito na historia de España, non foi ben promocionado e non tivo permanencia total entre as seguintes xeracións, desacougadas por unha crise económica doutras orixes. Así, cando estas persoas novas chegaron a ter peso no escenario mediático e político, coa natural lingua solta e tendencia freudiana de “matar ao pai”, negaron a bondade do comportamento conciliador da anterior xeración. Pedro Sánchez, Puigdemont, Pablo Iglesias, e xa non digamos a cúpula da CUP, medraron en democracia plena e coas liberdades cívicas íntegras. E algo máis. Os responsables anteriores de Cataluña -Jordi Pujol & familia- abaneados pola evidencia da rapina e corrupción, botaron man dese sentimento mamífero de proximidade ao próximo fronte á distancia ao distante, e agocháronse trala cortina de fume do incendio que, co seu sorriso, acendían os sucesores.

E estou preocupado non porque me parezan ilexítimos os obxectivos -en democracia cada un pode manter os modelos de organización da sociedade que lles pareza, e unha Cataluña, Galicia ou Val Miñor independentes e republicanos son obxectivos respectables- senón polo intento de crear unha legalidade nova que substitúa a outra legalidade, pero con lecturas trucadas e hiperbólicas da realidade, ameazante crispación, e fóra da lei.

E como sabemos pola transición política en España, habendo vontade común, pódese facer o que se queira. Lembremos a frase de Fernández Miranda, “da lei, á lei, a través da lei”. Pero fóra desta vía nas sociedades democráticas, non hai camiño; só un esgazamento social terrible cuxas consecuencias nunca poden ser calculadas con antelación. O acontecido no Parlament é triste. Ninguén sabe o que vai pasar. Preocúpame, claro, e extensión da rebelión institucional a social. En calquera caso, a ruptura da convivencia está aí, e a vitoria do Estado, á volta. Preocúpame, sobre todo, como se reconstruirá a convivencia logo.

Se cadra, perante estes comportamentos quixotescos, non está de máis lembrar unhas palabras do propio Alonso Quijano, cando ao final da segunda parte da obra visita Barcelona -única cidade na que entra- e é derrotado polo cabaleiro da Blanca Luna; exclama: “¡Aquí fue Troya! ¡Aquí mi desdicha, y no mi cobardía, se llevó mis alcanzadas glorias; aquí uso la fortuna de sus vueltas y revueltas; aquí se oscurecieron mis hazañas; aquí, finalmente, cayó mi ventura para jamás levantarse!”. Teño saudades do teu “seny”, amada Cataluña.

Te puede interesar