Opinión

Certa canseira

Neste longo verán de tan bo tempo, cunha auga nas praias de temperaturas marabillosas, sen lumes forestais importantes, a verdade é que non comprei xornais, non vin televisión e estiven, na medida do posible, alleo á información pública. De todo non, claro, é imposible. Como imposible é non saber que o Cristiano Ronaldo xa non xoga no Real Madrid, aínda que a un lle importe un pito. Pero voluntariamente deixei de seguir a pulsión diaria dos medios canso e medio mareado.

Non é que eu crea que vivimos no mellor dos mundos posibles, pero é certo que as cifras de accidentes de tráfico hai trinta ou corenta anos quintuplicaban as actuais; os mortos de fame no mundo, máis que outro tanto; as pensións dos xubilados nunca estiveron tan altas, e o nivel de vida, en xeral, crises mediante, nunca foi tan bo. Todo é perfectible, por suposto, pero que ninguén proxecte a falsa idea de que este país, este mundo, nunca estivo peor. O peor é a crispación política que se proxecta na social, que non ao revés. 

Así vivimos nunha época de tensións máximas. Non hai noticia desacougante que se deixe de amplificar ao máximo dándolle os tintes máis dramáticos que se poida. Digamos os prezos da electricidade. O mes pasado paguei exactamente 60,88 euros. Dous euros por día. E aí van a neveira, a lavadora, a cociña, a luz da casa… Todo ese servizo esencial para catro persoas, por pouco máis do que custa un café. Para a inmensísima maioría, perfectamente soportable. E só hai que coidar dos que non poden. Sen traxedias. Máis se gasta hoxe, sen dúbida, en servizos non esenciais, incluso perxudiciais, como a hiperconexión telefónica. Pero avanza a demagogia. Falabamos o outro día do gasóleo. Disparate penalizar os autos menos contaminantes actuais de gasóleo en vez dos vellos de todo tipo. Pero en fin, todo anda revolto e cambiante, ocorrencias a salto de mata. E os falabaratos.

De Guillermo Toledo, por ejemplo, teño a idea de ser el un ser pouco aseado por fóra e por dentro; zopenco, zafio, maleducado, basto, ordinario, faltón, groseiro, bocapodre, malfalado, mal actor, señorito de caldo á merenda, que marchou aos USA con dezasete anos como bo fillo de papá –por certo, dun prestixiosísimo médico canario- e que badúa e esbardalla para conseguir que falen del porque non dá conseguido choio. E non me estraña.

Pero nada máis próximo aos seus intereses que un exabrupto maleducado sexa considerado penalmente. A mala educación adquirida ou voluntaria, como parece ser o caso, non debe ser considerada baixo prismas xuridicos. Non se pode lexislar o que un arrote nunha mesa ou bote un peido nun ascensor cheo de xente. E, creo, non se debe dar maior trascendencia a que un brutamontes como o tal Guillermo -non me gusta o Willy imperialista- diga parvadas coa única finalidade de ofender a unha parte da sociedade. Pero ofende quen pode e non quen quere. Preguntáballe aos alumnos cando estaba de xefe de estudos, se lle ladraban aos cans que lles ladraban a eles. Ese mesmo comportamiento para cos que falten, é o meu consello. Chámanse Guillermo Toledo, Josep Miguel Arenas, “alias” Valtónic, ou como sexa. Que falen o que queiran. O falar nin ten cancelas nin debe telas. Como quen oe chover. E quen moito rosma, pouca razón ten. 

Te puede interesar