Opinión

Que me cheiran ao chamosco...

Malditos incendiarios. Que vos botasen en paracaídas no medio do lume era o que mereciades. Ou que vos atasen a unha árbore monte arriba mentres outros lle plantaban moite abaixo. Malditos sexades. Entrementes, só bágoas pola mágoa das vidas perdidas. Que o voso inferno sexa de frío, xelo, icebergs, e con lobos mariños que vos desgarren a carne aos bocados. Malditos sexades.

Dóeme, claro, moito pola xente. E menos polo monte. Ademais o noventa por cento do que arde non vale para nada rendible economicamente.  Pero os cartos non é a única forma de medir as cousas. Pero por iso arde. E o monte rende menos do un por cento do diñeiro que move apagalo cos avións, avionetas, helicópteros e  brigadas. O mellor negocio do campo galego, sabémolo todos, dos que máis empregos xeran, é o lume. En fin, ceo que  mellor política sería promover talas masivas  de vexetación preto das casas todas. Os metros que marca a lei e que ninguén cumpre porque é case imposible. En fin, vou parar que me encabuxo e xa chega. Pero quede claro que ninguén ten unha solución radical. E quen o diga, mente. Non se deben botar a culpa uns políticos  a outros porque a todos lles ardeu e arderá. Como en California. En fin, cambio de rexistro. Pasoume hai unhas horas unha cousa rara e, pero se cadra significativa e metafórica. Cóntolla. 

Onte cheiroume a casa a fume. Ao chamusco. Pero non polas ventás estaren abertas. E se non fose polas traxedias que salferiron de morte os incendios de Galicia, sería cousa de broma. A eles a miña homenaxe. Pois cheiroume a casa ao chamusco e foi só dalgún xeito, por culpa dos incendios. Cóntolles. Chegaba eu da zona de Baiona, despois de pasar a fin de semana por alí e vir de dando arrodeos por onde mandaba a Garda Civil: que se a estrada vella a Vigo, que se pola vella á Cañiza, etc. E púxenme a facer a cea e aparece na tele ao presidente falando dos incendios. Fun correndo a ver ao Núñez e engancheime coas novas e coas imaxes do que acababa de ver en directo... E si, a casa empezaba a cheirar tamén a fume e ao chamusco... e, de repente, choutei do sillón e alanquei á cociña. O cheiro a incendio non viña, precisamente, de fóra.  Arrimara no lume unha pota que deixara despistada co aquel de escoitar ao presidente.  E pensei que algo de metáfora da situación tiña. Se cadra estamos tan ocupados vendo cousas dos outros, incluso dos incendios,  como para non atender ao noso.  Temos limpas as fincas? Temos as árbores retiradas das casas os metros que di a lei? Temos denunciado ao toliño que, pensamos, lle prende lume na toxeira ao pé da carretera?

En calquera caso, as campañas todas –incendios, violencia, etc- van dirixidas a quen non o precisa. Ao  que non lle cómpre que lle lembren que non pode facer churrasco nun piñeiral seco ou que non é cousa andar a golpes coa parenta ou co parente. Se cadra máis que educación –recurso fácil e que debe vir “de serie “ da casa ou da escola-  hai que pensar máis no pau. Si. Atallando, Máis represión do delito –cantidade e calidade-  e menos conto. Lembro oír contar que cando viña Franco a Ourense, sempre detiñan, uns días, a Clemente; encantador vello axedrecista e libreiro comunista. Se cadra non estaba mal facer un acampamento de verán e meter neles aos incendiarios reincidentes, pois  na maioría das aldeas saben quen son:  en canto empeza a arder “xogan ao arrimado” e plantan nas súas zonas.  O destes días é de por máis. Malditos sexan.

Te puede interesar