Opinión

Os cincuenta anos do INEMMO

Cando eu estudei no Instituto da Ponte, Blanco Amor grazas a María do Carmo Henríquez, chamábase Instituto Nacional de Enseñanza Media Masculino de Orense, por sigla dos papeis, INEMMO. E como daquela só había outro en Ourense, o do Xardín, as denominacións populares eran simples: O “Masculino” e o “Feminino”. Esta separación de sexos é a primeira cousa sorprendente, a ollos de hoxe. Outra, clases todas as tardes. E empezar o curso despois do Pilar. E a existencia dunha materia chamada “Formación del Espíritu Nacional” que convivía con Educación Física e Relixión no grupo das tres “marías”, ás que non se lle daba importancia.

A fauna dos profesores de FEN era diversa: boa xente -lembro a Carbajales, moi afeccionado á pintura- e inócuos residuos do sistema. Os máis soados eran o “de Blas”, de quen se contaban estorias fantásticas, e Blanco, o “Focas”, con aqueles alucinados apuntes que debíamos memorizar, “La Formación del Espíritu Nacional es una modalidad del quehacer educativo que tiene dos vertientes, a) El encauzamiento del sentimiento natural patriótico, b)...” Nunca cheguei a saber o b). Un día recitoumo, hai pouco, o amigo Javier Legido. A ver se o apunto, por iso da conservación da memoria histórica. Por certo que o tal Focas un día, en primeiro, soltoume unha labazada porque, inocente, debuxei a bandeira española que nos mandara coas tres franxas iguais de anchas. Pero aquela trapallada da FEN non nos fixo outra mal que a perda de tempo. Se cadra aínda algo de efecto rebote.

Mau solta tamén a tiña o famoso “Pesetas”, de Educación Física, que nos facía sufrir aos torpóns que non dabamos saltado o plinton ou subido a corda. Naqueles inicios dos setenta, estabamos engaiolados coa señorita Usoz, leonesa profesora de Xeografía e Historia, a quen o escritor Bieito Iglesias sinala como indutora involuntaria de que moitos estudaramos Historia. Eu creo que foi máis cousa de Ánxeles Castro e Albino Núñez. Pero o que si teño claro, falando de influencias, é que o ateísmo ourensán contou con algún magnífico aliado entre os profesores dunha Relixión sen opción.

En fin, son dos últimos do bacharelato vello -antes do BUP-. Estudei alí entre 1970 e 1977. Pilloume, pois, o cambio do mundo (Vietnam, Yon Ki Pur, Watergate, o Pinochet, atentados de Munich, ETA, Carrero Blanco, morte de Franco, inicios da Transición...). En Ourense, os accesos a Galicia, o bus de Vilamartín, o intento de pór a Celulosa en Ourense, etc. Xogabamos os de ERGA, os da XCG -un recordo a Jesús Heredero del Campo- e os da MGR a cambiar o mundo. Inda que moito non fixeramos, a celulosa parámola. Pero sobre todo, lembranzas de bos e entrañables profesores, non me chegaría a folla para nomealos, de apertura ao mundo, dos amigos. Como cando Vázquez Barquero gañara o concurso de redación da Coca Cola –tema: “¿Por que la guerra?- e lla publicaran en La Región; ou un traballo sobre Rusia que fixéramos José Troncoso e eu cunhas postais preciosas que el tiña... Cando eramos medio grupo de inglés e seis e medio de francés... En fin, 2.471 días de alumno, entre os dez e os dezaste anos, darían para centos de artigos. Algún outro inda farei. Felicidades, meu querido e rufo instituto, neste teu primeiro medio século. Mua. Mua.

Te puede interesar