Opinión

Como no 1984

Aznar equivócase. España non está como en 1934; algúns paralelismos na situación catalana poden existir, pero pouquiños: a malfadada II República tiña á penas tres atoutiñantes anos, non era a democracia consolidada de arestora; Cataluña non gozaba dun réxime de autonomía como o de hoxe, etc. Así pois, endereitar a situación esixe intelixencia, pouca paixón, capacidade de desactivar minas, etc. Non se trata de que un teña a razón absoluta senón de quen xestiona mellor a súa parte dela, grande ou minúscula. O Beta, mellor produto, perdeu ante o VHS.

En fin, eu vexo paralelismos, tampouco excesivos, entre 1984 e 2018, en Galicia. Refírome á traída dos restos de Castelao, daquela, e a recepción do cadro “A derradeira leición do Mestre” de hoxe. 

Lembremos. Daquela o Parlamento galego, a instancias do deputado Camilo Nogueira Román, impulsor da renovación do galeguismo de esquerdas, promoveu a traída dos restos de Castelao ó Panteón de Galegos Ilustres. O que debería ter sido unha festa colectiva porque a Galicia oficial, ao seu máximo nivel, se puxese de acordo coa familia e cos galegos de Buenos Aires para repatriar o símbolo e así coser de novo a historia de onte e hoxe, de aquí e de alá, converteuse nunha bronca. O nacionalismo radical, que aínda non asumía a autonomía (“Estatuto nunca máis...”), e boa parte da esquerda extraparlamentaria que sempre se apunta a calquera bombardeo, tentaron boicotear o acto en Lavacolla, e logo cunha avalancha en Bonaval contra a comitiva en medio dos berros contra o Parlamento, contra a Autonomía e contra Camilo Nogueira. A min, cadroume estar en Bonaval ao lado dun vello que choraba ante a bochorno e a quen anos máis tarde tratei moito en Bos Aires: era Bieito Abraira, “rapaz dos mandados” dicía el, porque o de “secretario” de Castelao en Buenos Aires, que lle apuñan moitos, parecíalle excesivo. 

Agora vén a Galicia o cadro-símbolo traído por iniciativa do Goberno de Galicia e o permiso xeneroso do Centro Galicia de Buenos Aires e a algúns deulles por descualificar e contraprogramar os actos de recepción e inauguración. A bo seguro que se o bipartito anterior a Núñez tivese a idea de traelo, podería telo feito, pero non se lles ocorreu... E como a “emigración” levábaa un partido e a “cultura” outro, nin se planteou. En fin, discutir a conveniencia de traer hoxe o cadro, o lugar de exposición, a lexitimidade do Goberno galego é cháchara. E que Alberto Núñez non improvise unhas palabras na recepción como faría o Villares, o Leiceaga ou a Pontón, tamén é obvio. Pero en 1984 era só unha voz alporizada, e agora compiten varias. En fin, vaian ver o cadro e a exposición; paga a pena e é o que queda. Por certo, o discurso do presidente Núnez, o venres, máis pensado e traballado que o de días antes, foi, para min, sobresaliente na forma e no fondo. Á parte da condena ao franquismo e fascismo condenou todos os totalitarismos, de onte e hoxe. Pódese ou non se pode? 

Te puede interesar