Opinión

A compañía de navegación de Galicia

Se tivese seiscentos ou setecentos millóns de euros sobros, que, sen mirar a conta,  creo que non, montaría, entre outras empresas, a Compañía de Navegación de Galicia. E con ela trataría de corrixir, parcialmente, un dos nosos pecados. Sabido é que nós sabemos darlle de comer ben á xente; por iso os que nos visitan din que en Galicia se come ben e barato e por iso o negocio preferido polos nosos emigrantes, sexa onde sexa, é a restauración... de corpos e forzas que, sen dúbida, son os bens culturais que máis debemos coidar. Sabido é que lle podemos ensinar aos visitantes paisaxes fermosísimas de interior, digamos, tópico, a Ribeira Sacra; e paisaxes sen parangón de costa europea, e sinalo, orixinal, as Rías Baixas.

E sobre Rías Baixas: parece que cando os gregos estiveron a rente das nosas costas pensaron, que eran un grupo de illas, e chamáronlle, seica, Casitérides, as illas do estaño. Imaxínese vostedes navegando ao longo da costa portuguesa ata Baiona, todo liso e sen máis entrada cás dos ríos. Ah. Pero aí cambia a cousa. Confusión fácil. As Illas norte sur, Cíes, ou Sies, Ons, Toxa, Sálvora, Arousa... e as penínsulas leste oeste que fan as rías: Morrazo, Salnés... Se vostedes tiveron o pracer de deitarse na area das Praia de Rodas, se gozaron da vista desde o miradoiro do Fedorento, con perdón, preto do Pozo do Inferno en Ons, terían, probablemente, unha sensación de arquipélago, porque non se ve o fondo das rías.

Ben, pois un dos nosos pecados colectivos -se é que iso existe- é o de non saber vender. Un trato da compra ou venda dunha finca ou dunha casa convértese nunha conversa raposeira que dura e dura e, á maioría das veces, para nada. Proba diso é o pouco que se vende dentro da propia cultura, isto é, por exemplo, as poucas veces que un labrego compra as terras doutro para ampliar a súa explotación. A maioría das vendas son especulativas, como soares para facer casas, etc. Non sabemos vender. Pensemos no potencial termal e no  potencial paisaxístico e cultural costeiro. E no segundo entraría a nova Compañía.

Vexamos. Todos estamos cansos a andar en coche, en tren, en avión, pero non en barco. Por iso o auxe dos cruceiros e que a xente que vén de visita sexa un público especialmente seducible coa auga. Os bañistas miran engaiolados os iates de Baiona ou Sanxenxo, e os barcos de Cíes ou Ons van ateigados, pero só de turismo perralleiro. Explícome. Poñámoslle -por segunda, xa son ganas- que son millonario, e que quero parar na mellor praia do mundo, Rodas, e gastar 300 euros por cuberto nunha mariscada e alugar un barco alí, en plan taxi, para dar a volta ás illas. Nada. Imposible. Só durmir nun camping, comer, unha hamburguesa con patacas conxeladas sobre mesa de formica, entre berros de nenos, xente en bañador, bolsas de toallas e cremas, sombrillas, xeados de cucurucho. Cero glamour. E, dígolles que me alegro do turismo perralleiro, senón, eu non podería ir. Pero cumprían outras posibilidades para sacármoslles cartos a outros. 

E a Compañía de Navegación de Galicia, absorbería as compañías que fan cousiñas -visitas illas, bateas, fondos mariños- sempre en competencia desestruturada, e abriría rotas con elaboración previa de recursos turísticos de visita. Por exemplo, de Sanxenxo a  Bueu coa posibilidade de ver o Museo do Mar de Masso e as escavacións do Facho de Donón. De Baiona a Sanxenxo ida e volta, dúas frecuencias diarias. Unha liña circular Baiona a Fisterra parando nos portos principais? Un barco Sanxenxo-Vigo-Baiona- Viana do Castelao- Porto? En fin, mentres aforro eses setecentos millóns, cédolles gustoso a idea.

Te puede interesar