Opinión

Cristiano Ronaldo e o paraguas

Ooutro día estiven en Lugo e fíxome rir unha pintada: “Non á moda dos pantalóns rachados”. Porque, como saben vostedes, a moda rachado pasou fronte á dos pantalóns aos que lles faltan cachos. E falando de modas de onte e hoxe, venme á cabeza un sucedido do outro día na sala de profesores.

O caso é que eu ía saír e xa collera o paraugas. De repente tiven que facer algo manual -se cadra pechar a carteira ou algo así- e, sen pensalo, colguei o paraugas do pescozo da chaqueta por detrás. Celia, a miña compa de galego -e unha das mellores escritoras, senón a mellor, da Galicia de hoxe, lean senón “Unha verdade amarga” que acaba de sacar- botou unha risa e díxome que había tempo que non vía a alguén co paraugas colgado detrás. Eu díxenlle que só era un momentiño, que era cómodo deixar as mans libres, e inventei que se non o facía sempre era porque non me deixaba a muller. Rapidamente Virxilio, o compa de Historia, entrou na conversa asegundando as vantaxes de tal sistema e saltamos, claro, á xeneralidade de como as modas morren e nacen. Efectivamente, os pantalóns sen cachos son algo sorprendente e espalláronse de seu. 

E concluímos que serían interesantes para revitalizar os paraugas colgados da chaqueta por detrás, estudar alternativas. A primeira, que introduciran os deseñadores galegos, no seu repertorio de pasarela, un pequeno peto na parte posterior interna do colo das chaquetas, para meteren o puño do paraugas. Se nos desfiles o levaban os/as modelos, seguro que a xente copiaba. Pero a conversa levounos a promocións máis simples. Se aparecese un día o Cristiano Ronaldo con el colgado, seguro que ao día seguinte, moitos rapaces xa o copiaban. 

E de aí saltamos ás novas realidades da lingua neste mundo acelerado. Palabras como “youtuber”, “influencer”, etc. Persoas que gañan a vida colgando cousas na rede antes os millóns de persoas que os seguen e copian. Contáronme de que na Feira do Libro de Buenos Aires deste ano desde a Xunta enviaron unha serie de escritores para representar o país. Inma López Silva, Luís González Tosar, Antón Riveiro Coello e algún outro que non lembro. Todos xente coñecida no “ambiente”. Desde alí seica lle pediron que lle enviasen tamén a Sebastián G. Mouret. Deron con el, e alá foi. A cousa deixou pampos a moitos. Nas presentacións dos coñecidos había as escasas ducias de persoas habituais, pero na de Sebatián G. Mouret había máis de setecentas mozas e mozos. E quen vén sendo, logo? Pois un rapaz nacido en 1996, criado en Lugo, que se define como “escritor de nacimiento, periodista de corazón, conferenciante de afición y youtuber de profesión”. Ou sexa, un mozo que domina as redes, un “influencer”. Un rapaz espabilado, interesante e actual.

En fin, para promocionar o paraguas colgado da chaqueta, que facemos? Modistos, Ronaldo ou “influencers”? O máis fácil era dicirllo a Cristiano. Claro que como parece ter máis sentido do negocio que do humor, se cadra pedía algúns millóns de euros pola broma. E eu, que lles vou dicir? No fondo, tanto me ten onde leven o paraugas. Como se o deixan na casa.

Te puede interesar