Opinión

Cultura, turimos, fundacións

Leo con simpatía que as fundacións Curros Enríquez, Rosalía e Pondal se unen para promocionar o turismo sobre o Rexurdimento, ese período da segunda metade do s. XIX no que cos seus poemas lograron facer “rexurdir” a cultura galega escrita. Bravo. Porque, efectivamente, a cultura culta ten que ter unha proxección pública popular. Explícome. Existe unha cultura tradicional ou “enxebre” en calquera sitio do mundo: as gaitas escocesas, os cantos tiroleses, as regueifas galegas, o cante jondo andaluz, a sardana dos cataláns... Despois temos unha cultura popular, hoxe case globalizada: a música pop (abreviatura de popular, para distinguila da “elistista” música clásica), o cine, o fútbol, a televisión, etc. E despois temos a cultura culta.

E se, no pasado, nas sociedades previas ás modernidades dos séculos XIX e XX, as formas tradicional e popular eran a mesma, fronte a elas estivo sempre a cultura culta, a cultivada polas minorías. Que ninguén pense que os lexionarios romanos lían as poesías de Juvenal, Ovidio ou Virxilio. Que ninguén pense que as grandes masas do s. XIX gozaban das pinturas do Museo do Prado ou asistía a concertos de música de Haydn, Mozart ou Beethoven. Pero o tema tendeu a cambiar coa extensión da escolarización e educación no século XIX. A comezos do s. XVIII só sabían asinar documentos en Galicia o 27 % dos homes e o 6% das mulleres, pero a mediados do XIX xa había lectores abondos como para que poemas de Rosalía ou Curros se popularizasen, ou sexa, pasasen a ser cultura popular. E ese segue a ser o reto: esa extensión popular da cultura culta, pois á parte dun ben, en si mesma, hoxe é un motor económico. O turismo cultural move bastante se é ben tecido, claro, con outros fíos: natureza, gastronomía, música, arqueoloxía, servizos, termalismo, literatura, saúde...

E volvo sobre un tema de fundacións. Fácil é ver como dous escritores claves no s. XIX e XX, no Rexurdimento e na xeración Nós, pasaron a segundo nivel de coñecemento popular por falla dunha fundación turre da súa figura. Refírome a Lamas Carvajal e a Cuevillas. Cando non había fundacións nin democracia nin farrapo de gaita, foron dous dos máis homenaxeados polo cariño popular. Lembremos, por exemplo, como en honra de Valentín Lamas Carvajal se celebraron actos en Ourense en 1949 -cando se erixiu o actual busto do Xardín do Posío-, e en 1972, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Tamén, a Florentino Cuevillas, en 1968 se lle dedicou o Día das Letras e, con el, o bautismo dunha rúa no centro de Ourense, o colexio de Velle e a edición, por parte do Concello, do magnífico libro “Cosas de Orense”. Ben, hoxe creo que sería complicada a creación de novas fundacións, pero si que cómpre buscar camiños para a proxección destas memorias á par das outras. Lamas con Rosalía, Curros e Pondal; e Cuevillas con Risco, Otero e Losada Diéguez. Nin máis nin menos ca eles.

Te puede interesar