Opinión

Da responsabilidad, así en xeral

Tremendo estourido o de Tui. Tremeu a terra e esborrallouse un barrio enteiro da aldea de Páramos. Só houbo dous mortos -pobres marroquinos!- porque as aldeas están medio baleiras, pero houbo danos “siríacos” en casas e espazos públicos. E á raíz das informacións que se espallan eu teño algunha pregunta incómoda que me permito facer en voz alta. A primeira delas ten que ver coa responsabilidade, primeiro, do propietario do material pirotécnico; segundo, dos veciños, e terceiro, da Garda Civil. 

Creo, efectivamente, que o propietario non é un descerebrado -sabe contratar coas administracións públicas, que non é pouco- pero é un irresponsable por ter almacenado eses materiais no medio desa aldea e nesoutros dous espazos descubertos logo. E aí chego ao segundo punto. E os veciños? Non sabían nada os veciños? Nesta nosa Galicia rural na que todo o mundo está cabo do camiño dos movementos e andanzas dos demais... andaban tanto na verza que non vían furgonetas con materiais nin nada diso? Só un home tiña denunciado a situación sen que, seica, lle fixesen caso ningún. E aí está o terceira cuestión. Realmente actuaron as forzas da orde coa caución e eficacia precisa perante esas sospeitas? Debo crer que a Garda Civil tampouco sabía nada sobre os movementos cotiáns dun home que traballaba con materiais explosivos e que xa fora sancionado antes? Escoiteille a un axente que non había denuncias formais dos veciños. E logo non debe a Benemérita actuar “de oficio”, máxime en temas que teñen que ver con materiais explosivos?

E salto a outra reflexión e pregunta. Os cidadáns temos dereitos, deberes e obrigas. E unha das primeiras, desde logo, é ter conta do noso; protexer, coidar e asegurar as nosas cousas, á nosa xente. A maioría pagamos seguros para continxencias imprevistas, sobre todo porque durmimos mellor coa garantía de protección en caso de inconveniente fortuíto. Os seguros de vida, incluso, para que, se morrermos de forma súbita, non sufran tamén demasiado quebranto económico as persoas que están ao noso cargo. Todos somos, todos debemos ser, responsables do noso. Sexa este “noso” privado ou público. A miña casa ou a miña cidade. E si, os viticultores deben asegurar os viñedos contra a sarabia, e os propietarios de vivendas, contra roubo ou incendio. E claro, nada disto é obrigatorio, pero tampouco gratis. Facemos un pequeno esforzo pola seguridade, desexando que non haxa mal, tratamos de prever as súas consecuencias. E o que non parece ter moito sentido é traspasarmos sempre o déficit da nosa previsión privada ao haber das administracións, dos recursos públicos. Os veciños afectados deberían volver os ollos contra o responsable causante do seu mal, e se non ten seguro, iren de man da Xustiza contra os seus bens. Por suposto non quero que ninguén pase fame, que ninguén durma ao serao, pero máis alá diso, hai que ver caso a caso. E pouco máis. 

Te puede interesar