Opinión

Dar ou non os bos días

É dúbida menor. Como a de escoller entre o plural “Bos días”, apócope, seguramente, do sintagma xeneroso e farto dos “Bos días nos dea Deus”, e o “Bo día”, desexo concreto para a xornada “Que teña un bo día”. Como saben, no portugués irmao tenden, todos, aquí e alá, ao uso do singular, “Bom día”, igual que no castelán americano “Buen día”, aínda que non no peninsular onde  é máis frecuente, sen dúbida, o plural de “Buenos días”. Na nosa fala irmá italiana usan o singular “Buon giorno”, porque eles distinguen, perfectamente entre o “giorno”, a xornada, as vinte e catro horas, coas súas matina, mezzogiorno, pomerigio, sera e notte,   e o “día”, só referido ao tempo ocupado polas horas de luz. Os franceses, non sei se irmáns ou primos, usan tamén o singular “Boun jour”, semellante ao italiano. Todos expresan, en singular, os desexos de bondade para a xornada que comeza, incluíndo día e noite. 

En fin, que o tema é outro, cando dar os bos días -ou o bo día, claro- e cando non. Antes cando se topaban dúas persoas descoñecidas por un camiño, sempre, sempre se saudaban e desexaban o mellor. E podía un parar ou non a botar un palique ou pegar nunha conversa. Porque cando un andaba por un camiño era que viña de algures e ía a outro sitio a facer algo e, se cadra, aínda se precisaba a axuda, o consello, ou simplemente a orientación espacial da persoa atopada. Pero hoxe, cando moitas veces o obxecto é o propio camiño, “andar”, “pasear”, “correr”, estes lazos humanos afrouxan.  E xa non digamos se unha das persoas que se cruzan vai posuída por auriculares, teléfonos móbiles ou roupa deportiva. Nestes casos, radicalmente nunca hai saúdo. Só unha desviación da mirada ou un bufido, no caso de ir ás carreiras. 

Nos meus paseos á beira do Miño -gloria haxa Manolo Cabezas- vexo que só se saúdan, e para iso pouco, os camiñantes, escasos, solitarios e maiores, de antes das oito da mañá. Aínda teño comprobado que o saúdo dun simple “bo día”, protocolario é entendido pouco menos que como unha agresión á intimidade e calma cando a destinataria é unha moza camiñante, de ser esta un pouco revirada. 

Dúbida de saudar ou non que tamén acontece cos saúdos aos compañeiros de traballo nos corredores dos institutos, por exemplo. Entre timbres e recreos debemos estar entrando ou saíndo das aulas unhas oito ou dez veces ao longo da mañá.  E que debemos facer? Saudar cun “bos días” ás ducias de compañeiros con que nos cruzamos constantemente? Sorrir e acenar coa cabeza e seguir camiño? Soltar a perigosa frase “Que hai!?”, coa que sempre existe a posibilidade de nos traten de contar a vida. Queixarnos ritualmente -“ánimo, xa falta menos”?- ou directamente, non facer nada ?: ignoralos ao pasar como se non existisen, ante a pesadez de darlle os bos días á mesma persoa oito ou dez veces ao longo da mañá.

En fin, que non é unha cuestión que vaia motivar ningún congreso de protocolo, nin de cortesía interpersoal e cada un irá xestionando como vexa. En calquera caso, meus queridos lectores, miñas queridas lectoras -de existir algún, claro- que teñen vostedes un bo, un excelente día de verán.

Te puede interesar