Opinión

De fríos e calores

Dise que non se pode ou debe falar de temas como o da prisión permanente revisable ou as penas a asasinos máis abxectos cando hai un tema destes que é noticia informativa, como o caso do pobre neno ese de Alicante. Dise, pero eu non lles estou demasiado de acordo. Porque non somos réptiles, somos mamíferos. Ou sexa animais de sangue quente que vivimos en quente. Reproducímonos naturalmente en quente, sabemos que non debemos deixar enfriar os asuntos senón que é mellor solucionalos en quente. Case sempre asociamos calor, quentura a valores positivos -ser unha persoa cálida, calor do fogar...-, e ter o corazón frío, a falla de sentimentos, a ser malos, desalmados, fríos e calculadores. 

Hai que procurar que a cabeza non ferva, pero actuar sempre cun corazón cálido, empático. A paixón move o mundo e as cousas en quente fannos dar o mellor de nós. En quente, despois de calquera contrariedade actívanse as capacidades de resposta. Hai que quentar antes de saltar ao campo, porque se empeza un a correr en frío, lesiónase. Votamos en quente, tamén, case tendo só en conta as últimas actuacións de cada goberno e non traxectorias longas. Actuamos en función das cousas que lembramos máis -as máis próximas- e outra cousa é imposible, por iso están os políticos tan pendentes do momento concreto.

A Constitución española sinala no punto 2 do artigo 25 do capítulo 2, “Dereitos e liberdades”: As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán encamiñadas á reeducación e reinserción social e non podarán consistir en traballos forzados. O condenado a pena de prisión que estea cumprindo a mesma gozara dos dereitos fundamentais deste Capítulo, fóra dos que se vexan expresamente limitados polo contido do fallo condenatorio, o sentido da pena e a lei penitenciaria. En todo caso, terá dereito a un traballo remunerado, e máis aos beneficios correspondentes da Seguridade Social, así como ao acceso á cultura e ao desenvolvemento Integral da súa personalidade. 

E se un mira as constitucións dos países da nosa contorna, non acha, en absoluto, nada parecido. Tal nivel de boísmo é debido á situación de 1978 onde, se cadra, dominou a idea de que os presos eran puras vítimas dunha ou doutra maneira, do franquismo. E baixo o meu punto de vista, non se trata hoxe só de “reeducación” ou “reinserción”, porque a realidade é moi cazurra, e ao lado da bondade humana existe a maldade. Por iso non desaparece o crime eliminando fisicamente os criminais de hoxe, porque está na raíz da especie humana -como de calquera- que haxa individuos que fagan esas cousas. E está na raíz da sociedade defenderse con eficacia.

Así a hiperprotección dos dereitos do criminal abxecto ao mesmo nivel que os da súa vítima parece disparate. Non se pode, inxenuamente, propugnar a toda custa a imposible “reeducación” e “reinserción” de determinados individuos -violadores e asasinos especiais- senón, sobre todo, o seu castigo e control. E o de forzar a traballar... En fin, cando na Biblia (Xénese 3:19) di “gañarás o pan coa suor da túa fronte” non facía excepcións. E se os bos deben baixar o lombo, pois os malos, tamén. Digo eu.

Te puede interesar