Opinión

De Nós, por Galicia

O xoves pasado, convocados polo conselleiro de Cultura, xuntáronse en Compostela representantes de 35 institucións públicas e privadas -fundacións, universidades, museos, deputacións, concellos, consorcios, academias, consellos...- coa intención de botaren a andar unha iniciativa que coordinase os actos do centenario da Xeración Nós, agrupada ao redor da revista homónima saída en 1920 en Ourense. Os presentes, todos, gabaron a iniciativa e agora virá a traballeira de materializala, pois sempre foi máis fácil falar que facer.

Como poden supor, ao ter saído a revista en Ourense e ter sempre aquí a súa redacción e ao seren impulsores Risco, Otero, Cuevillas, o peso e importancia da nosa cidade e provincia é evidente. E desde esta evidencia de ser Ourense a cidade da Xeración Nós, debemos actuar con decisión, xenerosidade e intelixencia, pois é claro que foi un proxecto para vertebrar o país, sumando. Por iso debemos facer partícipes a todos desta festa de lembranza e futuro.

E Nós non se pode entender sen esa Pontevedra de Antón Losada Diéguez, conversor ao galeguismo do núcleo ourensán, onde en xuño de 1920 se decidiu crear a revista e onde se imprimiron uns números en 1923. A cidade de Castelao onde se publica daquela a revista cristiá “Logos”, e que ergue un Museo exemplar, esa é cidade, tamén, de Nós. 

E Nós non se pode entender sen un Vigo onde se teceron redes entre o mundo económico e cultural e onde os homes daquela xeración fundaron o Partido Galeguista en 1931 e logo recolleron a súa memoria. A cidade de Paz Andrade, a Fundación Penzol e Galaxia é, tamén, de Nós.

E a Compostela amada capital; sede do Seminario de Estudos Galegos, concreción do impulso investigador da xeración; onde Ánxel Casal editaba todo naquela época, e onde imprimiu a revista entre os números 88 e 144, é cidade, por suposto, de Nós.

E Coruña, sede da Real Academia Galega da que todos eran membros; na que naceran o Rexurdimento, as Irmandades da Fala, a revista A Nosa Terra onde todos escribiron; e onde en 1918 e 1919 se publicou o suplemento “Nós” no xornal El Noroeste con cabeceira de Castelao; a cidade dos Vilar Ponte, e onde se imprimiu a revista en 1925 despois duns meses de silencio, é cidade, por suposto, de Nós.

E o Ferrol da pluralidade. Si. Xaime Quintanilla, alcalde socialista e colaborador habitual de Nós; e Ricardo Carballo Calero, tamén colaborador desde noviño, danlle, entre outras cousas, a Ferrol a categoría de ser, tamén, cidade de Nós.

E Lugo onde en 1918 se recrean as Irmandades e de onde serán os principais impulsores novos destas ideas ou importantes creadores literarios, digamos Ramón Piñeiro, Paco del Riego, Álvaro Cunqueiro ou Ánxel Fole, é cidade de Nós.

E o Rianxo de Castelao, a Celanova das mocidades galeguistas, o Mondariz do mecenado de Peinador, o Cambados de Cabanillas e Asorey, o San Andrés de Teixido de Pelerinaxes, o Monforte das asembleas das Irmandades, o Allariz e o Castro Caldelas de Risco, a Trasalba de Otero, o Mondoñedo de Cunqueiro, o Moldes de Lousada, os Melide, Bueu, Velle, Calvos de Randín, San Cibrán de Las, o Tegra, Aquis Querquernis... E fin, toda Galicia se ve en Nós, Nós a todos nos inclúe; e todos lles debemos a eses homes o térennos dado unha conciencia aberta, colaborativa, plural e de vocación universal. Todos somos Nós.

Te puede interesar