Opinión

Delincuentes irrecuperables

Concordarán -porán de acordo o seu corazón co meu, que outra cousa non quere decir a palabra-, concordarán, digo, comigo en que matar a alguén é, en xeral, cousa mala, moi mala. Pero como todos os enunciados tan amplos ten ou pode ter os seus matices, as súas excepcións. De aí que diga “en xeral”. Poñámonos no Borough Market de Londres hai uns días, ou na Estación de Bruxelas, ou fóra da catedral de Notre Dame en París, sitos queridos por xente asustada. Alí, neses lugares, e nesas circunstancias de cando pasou o que pasou en cada un deles, ferrarlle catro ou corenta tiros aos asasinos efectivos ou en marcha está, ao meu ver, e creo que ao ver xeral, sobradamente xustificado. E esas sociedades, inglesa, belga, francesa, sen complexos, utilizan os eufemismos de “neutralizar” ou “abater” para matar terroristas. E fan ben. Ninguén se escandaliza. Ninguén cuestiona. Hai moito en xogo. En España aínda hai xente influenciada polas historias pasadas e confunden a busca da seguridade cunha represión das liberdades que ninguén ve nin permitiría. E moitos cidadáns, se cadra a maioría, están atónitos perante a realidade de que un megadelincuente como o do ascensor, condenado por dous asasinatos, dezaoito violacións, a 328 anos de prisión, detido en novembro de 1992, volvese ser detido por idéntico delito en 2017 despois de ser posto en liberdade hai xa catro anos. O Goberno, loxicamente, trata de levar as cousas ao seu rego, e denuncia a teima da oposición en eliminar a cadea perpetua revisable, única garantía de recuncar na cadea despois de vinte anos, se non se aprecia melloría no delicuente, e en consonancia coa enormidade dun crime especial.

E pensaba nestas cousas a raíz do asasinato de Redondela. Debe a sociedade insistir sen límites en recuperar un delincuente que lle dispara a sangue frío a uns mozos de festa na noite de San Xoán nunha praia? Non será unha sobredose de boísmo e de inxenuidade estéril? Haberá que escoitar apelacións á humanidade e á comprensión na envexa obnubiladora que aqueles mozos felices lles producían ao marxinal expresidiario? Por que é ilexítimo que a sociedade teña desexos non só de xustiza senón tamén de vinganza do mal feito? 

Creo que entre a frase de Plauto de “homo homini lupus” e o boísmo actual de procurar as culpas sempre nas circunstancias que están máis alá do individuo -desestruturación familiar, problemas de socialización na infancia, etc. etc. – debe haber posicións intermedias. E hai xente ruín que, se cadra, non merece nada. Nin compaixón.

Merece o asasino de Redondela o investimento de centos de miles de euros na súa custodia e no intento -inútil- de reeducación dunha vida desastrosa e esparexedora na dor? E se se fala de oportunismo ou de falar ao calor do momento, efectivamente si. Fálase máis de fútbol cando hai partidos importantes á vista ou da calor os días pasados. E de política cando hai eleccións. Fálase do que toca. E se cadra toca deixarse de tanta mixiricada e de sociede fofa e de manteiga e pensar en endurecer o corpo social e dotalo de máis músculo. Non podemos afogar en lardo nin en boas intencións inútiles. 

Te puede interesar