Opinión

A derradeira lección do mestre e Ourense

Seguramente sen a actividade dos ourensáns de Buenos Aires non tería existido o cadro “A derradeira lección do mestre” de Castelao. Pasa como co Guernica: hai unha razón primeira da realización do cadro antes de converterse nun símbolo, e unha evolución. Como sabemos, o Guernica foi un encargo do goberno da II República Española para unha exposición en París en medio da guerra, e logo fíxose símbolo. O debuxo orixinal de “A derradeira lección do mestre” foi publicado en Galicia Mártir, un álbum de debuxos editado en Valencia en 1937, sobre os horrores da represión en Galicia. Logo converteuse en símbolo como selo de correos durante a guerra, e acabou con copia como cadro de grande formato. Desde o venres vindeiro estará, unha temporada, en Gaiás. E detrás desta versión, hai unha historia. 

Castelao chega a Buenos Aires en 1940 e convértese no indiscutido “líder étnico” da colectividade. Era “o presidente dun país que non existía”. A “oficina”, a casa intelectual desde onde desenvolveu a súa actividade, era o Centro Orensano, situado xusto enfronte ao Centro Galego, na esquina de Belgrano e Pasco. Alí acubíllase baixo a xenerosidade económica de Manuel Puente (tamén lle pagaba o apartamento, un pouco máis arriba na mesma rúa Belgrano) e coa máxima amizade, entre otros, de Rodolfo Prada Chamocín, todo capacidade organizativa. Cando remataba a II Guerra Mundial o mundo do exilio republicano fervía en soños. Castelao, facéndolle caso aos vascos, impulsa a creación en 1944 do Consello de Galicia para, recollendo unha pequena parte da representatividade democrática exiliada (deputados, alcaldes...), poder falar en nome de Galicia no hipotético caso –que non se deu- dunha transición democrática ao finalizar a guerra mundial. Tamén, nese mesmo ano, saiu a primeira edición do Sempre en Galiza, libro de ensaio político a base aos seus discursos parlamentarios, artigos de revistas, etc. e que concentra a súa visión do mundo de xeito didáctico. O selo no que publicou a obra foi a Editorial As Burgas, do Centro Ourensán, e o libro viu a luz, impulsado por Rodolfo Prada, o día 10 de marzo de 1944.

O rianxeiro, especialmente agradecido aos ourensáns pola acollida no Centro e pola publicación do libro, constrúe unha copia ao óleo do vella lámina en formato grande (200 x 136 cm) e regálalla ao Centro Ourensán. Desde aquela, o cadro foi a xoia da coroa do Centro que reunía aos ourensáns porteños e foi a máis simbólica contribución del ao novo Centro Galicia xurdido, en 1979, como fusión dos catro provinciais. Despois, aconteceu que un atolado socio lle cravou unha navalla, pero sen chegar a esgazar máis alá de 15 cm. do lenzo, ao redor de 1985. Andando o tempo, sería con outro ourensán no posto de secretario xeral de Relacións coas Comunidades Galegas no Exterior, Manuel Rodríguez, en 2008, cando se acometa e pague desde Galicia a restauración profesional deste cadro, pois fora reparado no seu día con máis vontade que pericia.

Por esta vinculación de orixe con Ourense, non estaría mal que antes de volver o cadro a Buenos Aires, pasase unhas semanas na cidade das Burgas. Seguro que a Castelao lle gustaría -foi aquí onde fixo a primeira exposición do “Album Nós” fóra da Coruña, en 1919, no local das Irmandades, onde hoxe está o edificio de Alfredo Romero- e como homenaxe, tamén, aos homes e mulleres do Centro Ourensán, templo da ourensanidade e galeguidade porteña. Estaría ben. Ou non? Pois veña.

Te puede interesar