Opinión

Desaparecerá o Antroido?

A iste paso creo que o Antroido vai desaparecer en breve. Non se me preocupen moito, que non lles falo da festa que cada ano vai a máis, senón da palabriña en si. Si. A normativa do galego actual deulle preferencia, como saben, á forma “Entroido” por esas cousas da etimoloxía, pois como sabe o culto lector, vén da palabra latina “introitus” que é como dicir a “introdución á Coresma” que xa anda petando na porta. E claro, como o “E” está máis próximo do “I” que o “A”, pois toma etimoloxía, Entroido ó canto e morra o conto.

Eu lembro máis na fala dos vellos a palabra “Antroido” e, tamén, cun matiz pexorativo estendido a calquera forma de vestimenta estrafalaria en calquera época do ano: “Anda feito un antroido”, podería dicirse, cando había cánones de vestimenta universalmente aceptados, de calquera que, por exemplo, fose vestido cun pantalón co cu caído ata o chao ou cun vestido tipo Ágatha Ruíz de la Prada.

O Antroido, ímoslle chamar así, pola fala ourensá, ten parentes zarraspicados por todas as terra viciñas. En Portugal chámanlle “Entrudo” e teñen costumes moi étnicos e curiosos, como unha “Queima do gato” que nada ten que ver coa da sardiña. Meten iles –metían- un gato vivo nunha ola atada na cima dun pau espetado no chau e recuberto de palla a modo de fachón teso. Cando ardían as cordas e caía e escachaba a ola, o gato, de vivir, liscaba de alí , chamuscado, a fume de carozo. Como poden supor, este bárbaro costume está prohibido desde que se estendeu a corrección política. Pero o de queimaren gatos, se cadra símbolo do demo ou das bruxas, era algo estendido por toda Europa. No Brasil, dicíase que o “Entrudo” eran as festas bárbaras que celebraban algús populares no tempo do Carnaval. Alí tirábanse “limoes de cheiro” (bólas de cera recheas con colonia polo fino, ou cousas fétidas ou escatolóxicas dentro polo máis bravo) e pos de calquera cousa, fariñas, etc. que dicían que viña das festas coloristas da India. Dicían. Prohibíronos a mediados do XIX. E a festa veu a máis.

En Asturias cada vez colle máis forza, neste nova superación do racionalismo clasicista e volta ás raíces étnicas vellas ou populares de arestora, o Antruxo, a súa festa popular do tempo do carnaval. Entrementres, no vello rural de León e Zamora, debántense entre os “Antruejos” de Velilla de la Reina, Alija del Infantado, Llamas de la Ribera, etc... e o “Antruido” de Riaño.

Pero por Galicia adiante tamén hai variantes do nome. Sen ir máis alá, en Mazaricos e na comarca de Vigo, falan e fan carteis do seu “Entruido”, pois esta xente que di “muito” e “nuite” téñenlle gusto ó ditongo “ui”. Así mesmo, pola zona oriental, no Barco e Veiga, fan a festa do “Entrudio” e do “Entrudo”, pois alí, tamén din “muto” ou “mutio”.

En fin, que a palabra “Carnaval”, tamén galega pero chegada de Italia en tempos máis modernos -se cadra no século XVII ou XVIII-, fai referencia á marcharen coa carne de comer. Non teñen claro os que andan ás voltas con estas cousas, se é de lle pór un “valo” separador, “carne valare” ou se é simplemente sacala do medio “carne levare” cunha alteración logo da sílaba.

En fin, é tempo de festa rachada e de cheas gastronómicas. E a min, neste é tempo de transgresiós, pétame turrar pola palabra vella... Así pois, transgrido a norma lingüística e berro Viva o Antroido!

Te puede interesar