Opinión

Despropósito universitario?

A verdade é que lles podía ser ben máis amigo da universidade do que son. E non é que lle garde manía porque o meu paso por ela foi agradable, pracenteiro e positivo. Aprendín, creo, algunhas cousas, pero sobre, coma a maioría dos que pasamos por esas aulas, unha actitude de admiración, respecto e valoración do coñecemento. E tamén, claro, unha actitude analítica libre e crítica, que non repunante, ante as cousas do mundo. Si. Creo que poucas cousas me gustan tanto como aprender. Era unha delicia estar con profesores que sabían moitas cousas e as sabían comunicar -penso en Mercedes Durany, por exemplo- pero na actualidade son bastante escéptico coa universidade, en conxunto. 

A miña distancia digamos intelectual veu primeiro do nacemento da tricefalia galaica. Considerei daquela, e non topei razóns para cambiar de opinión, que nun país de dous millóns e pico de habitantes e maiormente envellecidos, era inade-cuado esgazar a vella universidade galega, con sede principal en Compostela e secundarias en todas as cidades, en tres universidades distintas. E sigo pensando que a desculpa da proximidade ao cidadán podía agachar outros intereses, máis simples, localistas ou de apalancamento profesional. Tres universidades -catro coa benemérita UNED- tres aeroportos, dous portos exteriores. En fin, a cousa xa foi, Marica non chores. 

A miña distancia continúa cando vexo a que considero escasa implicación da maioría do seu profesorado na pulsión vital da cidade. Os casos do contrario son máis por seren vellos profesionais, que pola pertenza á unha comunidade que, podo estar enganado, percibo bastante allea á vida urbana, máis alá dos pechados coutos académicos. Un exemplo: na presentación do monumental libro sobre a Ponte romana e medieval, de Juan Carlos Rivas -o máis importante nunca escrito sobre o tema- non había arrecendo de togas nin de birretes. E calo. 

Pero desafección tamén sinto coa desconsideración actual co alumnado, en xeral. O disparate organizativo non o vexo lonxe do do Calendario Juliano, o daquel ministro que razoou: se o ano comeza en xaneiro, por que non facer que o curso empece en xaneiro? Botárono, claro. Resúmolles o seu calendario actual. O alumno ten agora, despois de Bolonia, dez ou doce materias no ano, divididas en dous cuadrimestres, con cinco ou seis materias en cada un. O curso comeza nos primeiros días de setembro pero os exames concéntranse en dúas xeiras no ano seguinte; unha xusto despois de vacacións de Nadal -adeus vacacións, adeus festas, ola biblioteca-, e outra, entre maio e xuño. E alucinantemente, a principios de xullo hai as recuperacións das que lles quedaran das dez ou once materias dos dous cuadrimestres. Ou sexa, á penas un par de semanas despois dos últimos exames anteriores. Así, nas carreiras “duras”, antes moitos alumnos planificaban e decidían deixar un par de materias para setembro, na seguridade de que optimizando esforzo había polo menos dez ou doce semanas para poder achegarse ao tema con garantías. Agora non. Non se dá preparado “setembro” porque “setembro” é en “xullo”. 

En fin, mentres o pau vai e vén descansa o lombo. Sorte a todos os estudantes que, arestora, andan nela.

Te puede interesar