Opinión

Devecentes por obedecer

Oxoves pasado camiñaba eu pola area de Praia América practicando este pasatempo habitual que é tocar os muros da parte de Panxón primeiro e de Monte Lourido despois, cando oín, por primeira vez na miña vida, o aviso de Protección Civil advertindo que dadas as circunstancias do mar, pasaba a praia a situación de bandeira vermella polo que o baño estaba estritamente prohibido. A primeira reacción, obviamente, foi mirar o mar. O día, naquel momento, estaba claro e soleado, sen nube ningunha. A bandeira azul non flamexaba, senón que caía pola lei da gravidade paralela á hasta. O mar tiña, na zona onde eu estaba daquela -á altura de Area Loura, máis ou menos- o aspecto habitual. Unha ondas desas perfectas para xogar a deixase arrastrar á beira como facemos desde pequenos. Pensei en tocar rápido o muro, coa intención de bañarme en prohibido. Acelerei o paso. Vin que viña un deses vixiantes da praia de camiseta fosforito, walkytalky en funda de plástico, que levaba agarrado un deses flotadores de emerxencia, e pareino. Pregunteille se non lle parecía esaxerado o da bandeira vermella. Ríndome díxome que si, que se enganaran. Que ían rectificar de inmediato, que nos podiamos bañar sen problema. Seguín camiñando, xa me apetecía menos meterme na auga, e mirei a praia. Moitísima xente de pé ollando o mar con caras de relativa incredulidade, pero a maioría dándolle orde aos fillos para que saísen da auga. Os nenos non entendían ben, pero en cuestión duns minutos, a auga quedou con menos do dez por cento da xente que estaba. Noutros poucos minutos, falou de novo o altavoz de Protección Civil dicindo que o tema da bandeira vermella era só para a zona de Panxón. En Praia América volveron milleiros de persoas á auga. Despois, no paseo da tarde, vimos un iate a motor embarrancado en Panxón, supoñemos que o causante da bandeira vermella, polo evidente perigo dun barco daquel tamaño descontrolado indo contra a area da praia.

En calquera caso o que me chamou a atención é o cumprimento automático por parte dos bañistas dunha orde que parecía estar fóra de lugar. Lóxico foi que lembrara outras prohibicións máis recentes, como a de fumar nos bares e restaurantes, acceder aos andéns dos trens en Ourense -que non en Compostela, por certo-, ou outras semellantes. A xente, no seu conxunto, aprecia as normas como elementos de regulación do vivir colectivo e está disposta, en xeral, a aceptalas de inmediato, sen andar matando a cabeza en cada momento de se é xusta ou necesaria ou non. Por iso, cando hai grandes cifras de abstención nos procesos electorais, a min dáme impresión de normalidade, de falla desa crispación que leva a entusiasmos exacerbados, unánimes ou radicalizados bipolarmente. É a mesma razón pola que moita xente non vai ás reunións das comunidades de propietarios nin delega voto. Interésalles o que alí se trate, pero friamente. Se non hai queixa, que o sigan xestionando. Moitos non queren investir esforzos, nin sequera mentais, na gobernanza do colectivo repregados na xestión das circunstancias privadas, sempre complicadas e radicalmente transcendentes para nós. Unha opción, desde logo. 

Te puede interesar