Opinión

Día das linguas ibéricas

Poucas veces unha iniciativa parlamentaria me encheu de tanta satisfacción. Nunca antes algo saído de Ourense, da cabeza dun amigo imaxinativo e da xestión dunha deputada eficaz, tivo visos de converterse nunha ferramenta de tanta positividade e concordia a nivel peninsular. Algo vinculado coa ética e estética do galeguismo cultural tradicional que se gababa de “célula de universalidade” e promover a “irmandade ibérica”. Repasemos. O amigo Antonio Piñeiro, co apoio da Fundación Curros Enríquez e da Federación de Asociacións de Casas de Escritores da Península Ibérica, e coa vaporosa simpatía de canta persoa sensata coñecía o asunto, transmitiulle a Ana Belén Blanco a conveniencia de pasar de idea a iniciativa, dela a proxecto e del a realidade. Tratábase de que o Parlamento español -a través da Comisión de Cultura- apoiase impulsar un “Día das Linguas Ibéricas” na que todos nos sentísemos partícipes desta riqueza e na que unisen as sinerxias posibles. Non é preciso vivir en Segovia ou Granada para apreciar e sentirse orgulloso do Acueduto ou da Alhambra. E sabémonos un país rico en arte polo prerrománico asturiano ou por Medina Azahara, polo Museo do Prado ou pola Catedral de Santiago. E gústanos pasear por Salamanca, Sevilla, Santander, San Sebastián ou Lisboa, aínda que nos sintamos máis na casa en Coruña ou Porto. Do mesmo xeito, a enriquecedora diversidade de linguas e culturas de España debe ser un motivo de orgullo para todos. Por iso, a unanimidade conseguida na Comisión de Cultura do Parlamento español, é algo non por lóxico e de sentido común, menos satisfactorio. Si. Debemos facer pedagoxía positiva da diversidade. Non somos uns bichos raros os hispanos con outras linguas de instalación á parte do castelán. Como non somos raros os atlántico nin os mediterráneos. Nin os do norte nin os do sur. 

Sempre digo que a nosa posición lingüística, a dos galegos, no mundo é privilexiada. Temos unha lingua de identidade entrañable e pequena, como o danés, islandés, italiano, linguas que só funcionan como elemento de comunicación principal no seu territorio, pero temos a sorte de saber castelán e entender e facernos entender no mundo portugués. E co inglés aprendido na escola, xa nos podemos comunicar en tres das seis linguas máis extensas do planeta, á parte de ter unha de identidade. Envexa doutras diversidades de España, sen dúbida. Por iso, que unha iniciativa iberista desta categoría xurdise en Galicia, é unha alegría, un contento e unha esperanza. Porque a diversidade galega non está tan connotada ante o uniformista do centro de España como as vasca e catalana. E por iso, facer nós esta pedagoxía lingüistico cultural é tan importante. Imaxina alguén que o que o promovese a celebración dese día fose un deputado de Esquerra ou de Bildu? Habería unanimidade na Comisión? 

A simpatía que percorreu Galicia e España toda por Salvador Sobral e o seu “Amar pelos dois” en Eurovisión fronte á vergoña por Manel Navarro e o seu ridículo “Do it for your lover”, é un moi bo síntoma. Respectémonos, queirámonos entre nós, linguas ibéricas, traballemos xuntas, coñezámonos e teñámonos tesos ante un inglés que con Inglaterra fóra da Unión Europea non estará nos seus mellores momentos. Antonio Piñeiro, Ana Belén Blanco, felicidades e graciñas. Un orgullo.

Te puede interesar