Opinión

Do pensamento único actual

A caída do comunismo, a desaparición dun réxime con tremendo atractivo para as persoas de occidente que soñaban a posibilidade de xustiza e igualdade universal, trouxo grandes vantaxes e algún inconveniente. As vantaxes, sobre todo, para os seus sufridores locais e os inconvenientes, para os beneficiarios. Pero non para os máximos beneficiarios directos, pois é sabida a capacidade de mutación dos que exercen os poderes absolutos. Sen ir máis alá, Vladimir Putín foi tenente coronel da KGB durante dezaseis anos, ou Juan Miguel Villar Mir, grande empresario, grande amigo do rei vello, foi alto cargo franquista e ministro de Arias Navarro. Cando todo se derruba, sempre hai os que caen boca arriba. Si, pero outros que foran beneficiarios indirectos, sufriron de verdade eses cambios. E entre estes, por exemplo, Cuba e os radicais europeos. 

E non me refiro con “radical” aos que queren ir á raíz dos problemas sen moito importar a ideoloxía -como a miña admirada Enma Bonino- ou á Unión Cívica Radical de Raúl Alfonsín. Refírome, claro, aos “extremistas”, aos que a fala popular asignou o sinónimo imperfecto e errado pero sinónimo, ao fin e ao cabo, de radical. Pois ben, cando existía o soño comunista, moitos tiñan pósters do Che Guevara -asmático que fumaba puros- e falaban das vantaxes do bloque do leste; e algúns atolados, incluso ían pegar tiros etnocentristas á selva boliviana. Pero cando se difunde o desastre que alí había, se cadra os máis sensatos, como o Partido Comunista Italiano, disólvense avergoñados e promoven integrar plataformas de cambio social máis amplas e “interideolóxicas”.

E descuberto ese bluf -incluso a maoísta China se reconvertiu ao máis salvaxe e contaminante capitalismo- a vivencia do radicalismo benintencionado que sempre existirá, pasou a centrarse en espazos máis próximos, permeables e dinámicos e, sen dúbida, atractivos, nos que o sistema liberal occidental xa fora dando pasos maiores cós outros sistemas. Así, a preocupación ecolóxica medrou, e o mellor trato aos animais, un avance incontrovertible, mutou en algúns ideoloxía disparatada -en contra do uso de prendas de la, de coiro, de comer carne, etc.- e de igualdade de dereitos entre especies. (Dicía unha vella do Irixo: “Desde que tratan aos cans como persoas, tratan ás persoas coma cans.) E a igualdade da muller, algo tan humanamente incontrovertible como inaprazable, mudou tamén, nalgúns sectores nun discurso caótico e revolto con lemas de retallos de todo, como “Contra o capitalismo patriarcal, machista e neoliberal”, mesturando allos con cebolas e berrándolle irresponsablemente ás mulleres que non son da súa corda nas manifestacións. E en que lugar do planeta ten a muller mellor consideración que nos estados capitalistas occidentais? 

En fin, valorar os avances de Occidente é imprescindible para non perderse en berros e foguetes. E si, algúns destes novos extremos tratan de marcar un pensamento único fronte ao que os intelectuais non se atreven a facer públicas as súas dúbidas privadas, por medo a seren anatematizados. A min gustaríame seguir vendo leóns e elefantes no circo, gozo cun entrecot de cachena e dunhas nécoras da ría, e me amolan as cotas de xénero e, a verdade, non me vexo sádico ou machista. A miña admirada Carla Reyes Uschinsky escribiu o mércores pasado, nestas páxinas, un magnífico artigo de significativo título: “Apropiación indebida”. Exactamente. A defensa e promoción da muller, igual que a democracia, nin é monopolio de ningunha voz nin podemos deixar que sexa. É algo demasiado importante. 

Te puede interesar