Opinión

Do Posío

As cidades vanse construíndo pouco e pouco. O pouso das cousas físicas e non físicas aséntase e crea imaxes do noso pensar e vivir o espazo e a xente. E debemos coidar esas imaxes de nós, mimalas, e non alterarlle a súa personalidade. Se cadra non viña mal que a Catedral tivese rematada a Claustra Nova e houbese un claustro grande como a maioría das catedrais. Tal vez estivese mellor que nunca tivese baixado a Igrexa de San Francisco. Moi ben estaría que non houbese construcións ao redor da ábsida de San Francisco onda o Parque de San Lázaro, e que se puidese ver e pasear todo ao redor. Pero imos deixar estas cousas como están. En fin, somos parte minúscula e transitoria da historia, por iso é bo respectarmos as características físicas dos emblemas da cidade e non querer poñer máis sinal neles que a discreta lembranza da nosa boa xestión. Por exemplo, se un día, poñendo a iluminación das festas, o camión chimpa a coroa á fonte da Praza do Ferro, pois é moito máis lóxico buscar un ferreiro -era de ferro- e poñerlla de novo, en vez de asubiar a ver se pasa a cousa desapercibida e seguir coa fonte mutilada anos despois. 

En fin, en todos lugares do mundo hai parques con verxas, máis íntimos, máis recollidos, máis coidados, máis no corazón dos cidadáns que os abertos. Penso no Parque do Retiro en Madrid. Penso no Rassell Square de Londres. Penso no Saint Stephen’s Green de Dublín. Penso noutros moitos, cheos de árbores e esculturas e paseantes, con pouco cemento e baldosas, e todos cunha verxa delimitadora, protectora do rebumbio exterior. Si, podería dicir tamén, o Parque Miño de Ourense, ao pé do Centro Comercial, tamén con verxa, pero seríame difícil falar del sen sentirme desacougado pola suciedade e pintadas que emporcan esculturas e muros.

O Posío, como saben, ten nome raro e particular. Uns relacionano con pousío -palabra que en portugués e leonés fai referencia a barbeito, terras “en descanso”, zonas que repousan para de pasto de gando, etc. Outros, con outras cousas, cun pósitum latino, que falaría de algo situado, posto, na entrada da cidade. O caso é que o nome, localizado desde 1208, abranguía moita máis superficie que a actual. As crónicas falan dos “baños do posío” -na rúa do Baño-, na fonte e Capela do Posío -nos comezos de Marcelo Macías-. Pero desde a súa construción, antes de mediado o XIX, tivo varios eixos de vida: experiencias botánicas, e de exhibición de animais exóticos -pavós reais, paxaros...-, de localización de fontes exclaustradas, de monumentos a literatos, pero sobre todo de paseo cotián e lecer cidadán. Lamas Carvajal amaba o Posío. En 1947 inaugurouse o seu monumento actual pero na esquina SO, por Otero Pedrayo cun primeiro e polémico discurso en galego. Lembremos, tamén, os “asaltos baile” -Julio Iglesias actuou en xuño de 1970-, os festivais do Miño...

En fin, o Posío é parte esencial e descoidada da nosa alma cidadá. Eu quero que as autoridades poñan as súas mans nel. Mans que se relacionan con coidado, traballo, ocupación, mimo. E que non maten a cabeza imaxinando como podería ter sido doutra maneira. Hai que coidar e embelecer o que hai, e traballo sobra. Creo. 

Te puede interesar