Opinión

O (duro) caso do centro gallego de Buenos Aires

Avenda aprobada polos socios do Centro Galego e Buenos Aires e o seu emblemático edificio da esquina de Belgrano e Pasco na capital porteña, faime sentir pena por empatía étnica e por unha cuestión máis persoal: traballei alí, case vivín na biblioteca, dei clases e organicei microfilmacións e dixitalizacións de fondos para traer copia, trabei amizade cos restos do vello galeguismo local -Abraira, Flores, Cupeiro, “Tacholas”...-, tratei os dirixentes do centro, visitei despachos e coñecín os recunchos máis íntimos do edificio -sotos, faiados, almacéns-. É unha visita ritual, ineludible, que fago cando vou alá. Pero as causas que levaron a este esmorecemento son simples e duras. 
Reduzamos a unhas liñas a historia do asociacionismo galego en Arxentina. Os paisanos que alí chegaron entre fins do XIX e comezos de século XX uníronse en asociacións de parroquias ou concellos para xuntos os veciños combateren a morriña -falar, comer, cantar- e enviaren cartos para construír escolas ou axudaren aos parentes. E todos era socios tamén dun grande Centro Galego (1907-2018) que funcionou como mutua e hospital nun país sen sanidade pública nin cobertura social; 120.000 socios chegou a ter. Logo, acabada a emigración, a finais dos cincuenta, e iren morrendo os vellos, as asociacións locais fóronse fusionando no actual Centro Galicia; mentres outras locais, máis de esquerdas, incrementaron a súa integración na histórica Federación de Sociedades Galegas. 

E o tema médico-asistencial? Pois como poden supor, a peor. Os nosos cada vez son menos e máis vellos. Quedan só uns 700 socios galegos de 5.412 totais do Centro Gallego. O declive demográfico non se deu paliado coa axuda de varios millóns de euros da Xunta en décadas pasadas porque a xestión era desastrosa. Sen pensar en mala fe, si é seguro que nin se supervisou, nin se xestionou ben. O caso é que a Xunta, farta, retirouse do tema en 2011 e os causantes locais deberon afrontar o seu fracaso. Houbo unha intervención pública do Estado en 2012 para garantir a asistencia e o pasado día 22 de decembro someteuse a decisión da venda do Centro a un grupo privado de xestión sanitaria -alianza da valenciana Ribera Salud e o Favaloro, arxentino- ao referendo de socios e traballadores. O resultado, unívoco. Entre os socios, 2.151 votos a favor da venda e 56 en contra. Entre traballadores, 671 que si, 13 que non. As asociacións constituídas historicamente para a xestión da propiedade comunal -Breogán, Galicia, Unión Gallega, Celta, Terra- nin se opuxeron, pois eran os responsables últimos do desastre e non se albiscaba alternativa. 

A débeda que asume o grupo que compra Centro e o edificio é enorme (máis de 40 millóns de dólares só a provedores) e o único que se pode facer hoxe é tratar de salvar –e iso cumpría garantilo no acordo que as asine, e aí debe estar de observadora a Xunta co seu ascendente moral- a asistencia sanitaria desas familias galegas, o grande patrimonio artístico e documental e a propia continuidade dun Instituto Arxentino de Cultura Galega que necesita adaptarse, fondo e forma, ás novas circunstancias. O día 18 de decembro deixouse de prestar asistencia médica alí e supoño que os asociados irán xa a outras clínicas de Favaloro. Operación, pois, pechada e negociándose os flecos. 
Simbolicamente debemos preservar o Fontán que levou Otero en 1947, as catro bolsas con terra das catro provincias de Galicia que levou Perfecto López para botar sobre o cadaleito de Castelao e que deben seguir nunha vitrina ao lado do mapa, e a branca estatua de Rosalía á que lle rezaban as velliñas pedíndolle partos sen complicacións para as netas que alí daban a luz. Hoxe cumpría invocar esa intercesión máxica para que todo saia o mellor posible.

Te puede interesar