Opinión

Elixio Rivas, un marabilloso acerto

Leo coa máxima alegría que a Deputación de Ourense lle outorga a Medalla de Ouro da Provincia a Elixio Rivas Quintas. Nada máis xusto, nada máis conveniente que premiar unha vida de esforzo, de boa vontade, de eficacia, de interese en traballar sobre as raíces populares da nosa cultura e en difundir o seu coñecemento. Un exemplo para as xeracións presentes e futuras de que hai que traballar duro e ser xeneroso na comunicación dos saberes. Ademais, nada máis de acordo coa lápida de Ben Cho Shey, aquela que desde a cima do cemiterio de San Francisco nos ensina “que as homenaxes ou se fan a tempo ou non se fan”. E don Elixio, de noventa e tres lúcidos anos, merece esta e outras moitas homenaxes, tamén, porque as agullas do reló sempre se moven para a mesma parte, e mellor os recoñecementos en vida. (Cóntolles que un día Blanco Amor, alá por 1977 me comentou saudoso, no seu piso das Lagoas, que non lle facían unha homenaxe aínda que sabía que moito lle gustaría, e que debían estar esperando que morrera para facelo e que non puidese falar. Tal foi.) En fin, don Elixio xa recibiu outros tres importantes galardóns: o premio Otero Pedrayo das deputacións en 1980 e a Medalla Castelao en 2000, pero sobre eles, sobranceaba ata agora o premio Pedra Alta do Museo da Limia en 2017, por ser o premio dos seus conveciños limiaus que o queren, estiman e aprecian. Agora, neste cuarto premio, é toda a provincia a que se une aos sentimentos limiaus.

Pero quen é que fai e fixo don Elixio Rivas? Moitos o identican como un frade dos Milagres pequenote, áxil e que non pára. Don Elixio tivo, si, unha vida movida e diversa. Nado en 1925, irmán leigo dos Paúles, estivo destinado en Inglaterra desde a fin da II Guerra Mundial ata 1955 desde onde foi enviado a Cuba ata que, co castrismo, foi expulsado da illa en 1961. De volta en Galicia, reside uns anos en Marín nos que aproveita para estudar a carreira de Filoloxía e facer unha tesina, logo tese, sobre a toponimia de Marín, antes de trasladarse aos Milagres. Desde o momento da volta de Cuba, empeza a pescar palabras. Enchía albumes con debuxos feitos por el de pezas tradicionais -da cociña, do carro, de apeiros agrícolas...- e apuntaba os nomes que a xente lles daba aos todos e ás partes. Así chegou a “pescar” máis de 12.000 palabras non recollidas en ningún dicionario. E en todas elas, coa súa localización e frase de contexto. Os seus estudos versan sobre toponimia, onomástica, etnografía, arte, relixiosidade popular -un grande impulsor do Camiño de Santiago, da Vía da Prata- en definitiva é un auténtico sabio. Autor duns corenta libros, duns dicionarios “Frampas” en varios volumes, de centos de artigos, é un home que se mantivo activo e participativo afastado da presunción e a pedantería. Por non ser, non é -nin creo que lle interese-, non é, digo, membro da Real Academia Galega. Nin correspondente. En fin, cousas de vivir lonxe das cidades do leste do país. Inda así, cónstame que hai académicos, como Xesús Ferro Ruibal, que o teñen na máxima estima. A el lle dedicou un dos seus programas de “Ben falado”, o 407, que poden ver, cousas dos tempos, en Youtube ou na páxina da TVG. Parabéns aos que elixiron, parabéns a don Elixio. Parabéns Ourense.

Te puede interesar