Opinión

Empuxonciño tecnolóxico

Hai sitios onde non, pero noutros si. Cómpre un empuxonciño tecnolóxico, por exemplo, nas administracións. Non así no mundo privado, onde a competencia produce unha evidente necesidade de espabilar. Efectivamente, moitas veces as administracións van lentas por cuestións organizativas e procedementais, e non, quero pensar, por desidia ou menosprezo ao cidadán. Vexamos. Cando entro no aparcadoiro da Alameda, por exemplo, paso por unha maquiniña de feitura parecida a un peto de ánimas, collo un ticket, e antes de marchar, paso pola maquiniña de novo, non para deixar unha esmola, senón para pagar polo servizo recibido. E podo facelo de dúas formas; con billetes e moedas, ou con tarxetas. E aínda hai aparcadoiros máis modernos, onde de teres o chintófano de pagamento automático das autopistas, xa nin fas ademán de parar: morden directamente na c/c, que parece que doe menos.

En fin, dalgún xeito, a moeda única son as tarxetas. O diñeiro de plástico cada vez se estende máis a medida que se abaratan os custos das terminais e avanza a informática. Agora nin tes que meter a tarxeta en ningunha rañura, nin teclear número secreto en moitas das transaccións, pois abonda achegar a tarxeta ao aparello. Todo rapidísimo para que o cliente deixe o seu lugar a outro cliente, canto antes, mellor. Isto, claro, no mundo privado. Na maioría dos establecementos e servizos de todo tipo, agora que baixaron tamén as comisións bancarias prefiren estes pagamentos electrónicos, pois, evítalles andar con efectivo, cousa cobizable polos ladróns.

Pero, ai das administracións! Ás veces dá a impresión de que o cidadán é un “suxeito pasivo” cheo de tempo para atender as súa demandas, por incómodas e evitables que sexan.

Refírome, como vostede xa ten adiviñado, a ese pagamento de taxas municipais ou autonómicas nos bancos que nos fai andar de aquí para alá facendo colas e máis colas e exercitando a paciencia para cando chegue o día do xuízo final, pois suponse que alí si que vai haber colas e colapso. En fin, mellor é ir aforrando algo de tempo antes de marchar.

E pregúntome eu, por que nas oficinas non teñen terminais -TPVs- como nas caixas dos súper, para pasarmos as tarxetas, e así cando presentamos un papel que require pagamento de taxas, que xa nos ripen directamente da conta esa pequena cantidade? Ou tamén, para a xente que maior que anda sen tarxeta, unhas maquiniñas como a dos aparcadoiros, que admita cartos, tarxetas, etc. e en vez de ticket, botaría un xustificante de pagamento que entregariamos de inmediato xunto coa documentación, sen necesidade de andar de aquí para alá. 

En fin, moi difícil non parece. Moi caro, tampouco. Os cidadáns, contribuíntes, debemos ter facilidades para cumprir coas nosas obrigas fiscais, pero sen facérennos perder o tempo. Que o meu, e a miña paciencia, non teñen porque valer menos ca os do funcionario que me atende, e que tamén el, é padece, sen dúbida, as inercias organizativas dun sistema ao que ben lle cómpre interiorizar as tecnoloxías do século XXI.

Te puede interesar