Opinión

En crise pola empanada

Estou en crise antimoderna, en contra do marco xurídico e lexislativo actual, en favor da saída de Galicia de España, de  Europa, da OTAN, da ONU ou de onde faga falta, por causa da empanada. Se cadra algo esaxero, pero verán como tamén algo de  razón teño. Pero primeiro permítanme que lles conte. Das lembranzas máis recuadas que eu teño, está a de levar a facer a empanada ao forno do Chaparro. Si. Engaiolábame aquel lugar arrecendente e máxico. Como saben, o tradicional era preparar o condumio, recheo ou zaragallada na casa – 1/2 kg de carne en anacos pequenos, medio chourizo en rodas, un dente de allo picadiño, un par de cebolas en lascas, un pemento roxo, un tomate maduro, unha areixa de sal, pasada quince minutos a cebola e cinco ou dez o resto, por exemplo, - e levar despois a pota ao forno para que alí fixesen o traballo da masa. Os Chaparros tiñan o seu, case na esquina da Avenida da Habana, no comezo do Camiño Caneiro, por onde cargaban a camioneta de reparto, unha Citröen, creo lembrar, e tiñan o despacho aberto pola parte da Avenida de Buenos Aires. Pero nós accediamos directamente por abaixo, polo Camiño Caneiro. E dado que a nosa casa estaba alí ao lado, érame fácil cumprir o encargo. E sempre pasmaba cos panadeiros enfariñados, as palas con rabos longuísimos, as bocas dos fornos cuns portelos pequeniños, as barras, os bolos, as bolas, os cornuchos, as fabiolas... aínda crús, aliñados cunha orde marabillosa esperando por entrar ou xa en enormes cestos co arrecendo marabilloso e irresistible do pan aínda quente. Unha festa dos sentidos.

O caso é que, xa adulto, seguín a tradición e dei en preparar recheo de empanadas e levalas ao forno. Nunca me souberon como as idealizadas do Chaparro, porque por aquelas chegaban quentiñas á mesa. O caso é que o forno desapareceu, e busquei outros. Primeiro, o  do Paxaro. Desapareceu tamén. Logo cheguei a ir ao forno da Rúa do Vilar, tamén cunha masa deliciosa, pero tamén seguiu o mesmo camiño. Logo nalgún outro despacho urbano recollíanma, viaxaba - Allariz, Ribela...-  e volvía ao día seguinte, correcta pero fría. 

E así pois,  aproveito as vacacións para insistir e comela aínda quentiña. Este verán, por exemplo, nos días de Praia América preparei e levei ao Valverde de Panxón, coma sempre, unha empanada de chipiróns e outra -outro día, non crean que estou tolo- unha de xoubas ao Xulio de Praia América. Para comparar. Está mal que eu o diga, pero estaban deliciosas ambas. E cheguei a Sanxenxo e entrei nesa crise de que lles falaba ao comezo.

Preguntei nun forno-confeitaría se recollían preparados para facer empanadas e as dúas sudamericanas que atendían miráronme sen sequera entender de que lles falaba. Logo fun a un dos fornos tradicionais, Paco, e o amabilísimo panadeiro mozo explicoumo. Agora, díxome, estano prohibindo. Porque a responsabilidade da cadea alimenticia rómpese. Non podían despachar un produto non elaborado cen por cen por eles, non podían responsabilizarse de enfornar algo doutro que podería, chegado o caso -e isto díxoo con suma delicadeza- contaminar con salmonela ou calquera outra cousa allea os seus útiles e espazo de traballo. 

Como isto vaia adiante, e como prohiban os pratos de madeira nas pulpeiras, será cuestión de pensar na formación dun grupo armado (de razóns) na defensa da tradición. Como un carlismo gastronómico, ou algo así.

Te puede interesar