Opinión

O Escorial ouresán

O que pense que vou falar de Oseira engánase. O que pense que vou falar da granxa dos Cerviño, xusto no Camiño Real, ao pé de Valdorregueiro –e para iso cómpre ser maior e de Cudeiro, do Vinteún ou do Vellao- pois tamén. Voume meter arestora polos camiños dunha metáfora construída pola cultura popular española ao longo dos século XVI.

O Escorial, como saben os estudosos da arte, foi comezado en 1562 por Felipe II para conmemorar a vitoria nunha batalla que tivera lugar nunha vila chamada San Quintín no norte de Francia e producida un 10 de agosto de 1557, día de San Lorenzo, polo que o mosteiro se constrúe na serra madrileña baixo esa advocación. As obras non foron áxiles e duraron ata 1584. Ou sexa 22 anos. Aos que habería que engadir, claro, os cinco de proxecto e outros varios posteriores para ornamentación e obras complementarias.

De aí que na expresión popular “tardar mais que as obras do Escorial” signifique tardar moito tempo, demasiado tempo. A batalla fora tan famosa no seu tempo que tamén deixou outra pegada na nosa tradición oral. Así “armar as de San Quintín” significa, como todos vostedes saben, comezar un gran alboroto, hiperbolicamente, o daquela batalla. Curiosidades da lingua e da historia.

En fin, que a min, realmente, o que dure unha obra, tanto me ten. De partida. Ou sexa que se un construtor ou un promotor queren facela aos poucos, que a fagan. Pero non me dá igual, en absoluto, claro, se hai encordio ou molestias públicas. Aí cómpre celeridade máxima, pois os cidadáns non deben sufrir por longas temporadas obras -máxime se son privadas- que non lle van reportar beneficio ningún. E no caso das obras públicas -tipo AVE- é imprescindible, claro, que se cumpran os prazos, na medida do posible. Ou sexa, mellor digo que tanto me ten o que duren as obras privadas en mans particulares que non molesten. No medio dun monte, por exemplo.

Pero dado que a envergadura da obra na que penso parece ser menor que a do mosteiro de San Lorenzo do Escorial, pregúntome medio contrariado, cando demo acabaran as obras do antigo Hotel Parque? A verdade é que non podo ser menos orixinal, a pólvora e o Mediterráneo hai tempo que están descubertos.

E esta cuestión, esta pregunta -adobiada con imprecacións e maldicións ou simples fociños revirados- e algo que nos repetimos todos os ourensáns que adoitamos pasar polo “túnel” que hai enfronte do edificio do antigo Hotel Parque, enfronte dos taxistas, para o paso dos peóns. Gustaríame saber canto pagan ao mes os da obra pola molesta ocupación da beirarrúa. Se cadra podería chegar a estar ben así a cousa, se pagan moito, e compensaría que non sacasen o valado ese e seguisen pagando mes a mes.

Pero se non hai unha razón poderosa como don diñeiro en beneficio público, por favor, deben pensar en eliminar canto antes un adefesio no mesmo centro urbano que molesta aos cidadáns. Antes de que se converta, por puro paso do tempo, en vestixio histórico, e gañe niveis de protección arquitectónica como “construción singular” ou algo polo estilo e entre na cultura popular de tradición oral como o Escorial.

Ou sexa, que veña, que saquen xa o túnel ese do Parque. Que xa está ben.

Te puede interesar