Opinión

Estudantes varrendeiros, etc

A ocorrencia –e digoo sen ironía, como sinónimo de idea, pero pensada “ao correr”- da imaxinativa alcaldesa de Madrid sobre pór os universitarios a varrer as rúas despois do botellón é simpática pero irreal. E bota man da súa experiencia de traballo no SUT, Servicio Universitario de Trabajo, un organismo montado polo ex confesor de Franco, o Padre Llanos, a mediados dos cincuenta, no tempo que reviraba para a esquerda e se facía cura obreiro.

Este SUT, como tantas outras cousas daquela época, non podía estar alleo á marcha da sociedade e igual que os campamentos do Frente de Juventudes ou da OJE estaban cheos de xente corrente, ou sexa nin pro nin anti franquista, senón mozos que aproveitaba as posibilidades de expansión que facilitaban aquelas estruturas. Algo parecido aos campamentos xuvenís de arestora, dependan da Xunta ou da Comunidade de Madrid. Naquel SUT (integrado no falanxista SEU, Sindicato Español Universitario), por exemplo, participaron moitas persoas coñecidas, como Xavier Arzallus, Jaime Peñafiel, Vázquez Montalbán, Nicolás Sartorius, etc. Aínda así, non é estético nin ético pór de exemplo formas organizativas da época predemocrática. Parecen saudades.

Pero sobre o tema fondo, a sucidade do botellón e a implicación popular na limpeza, unha reflexión. Igual que hai xente máis alta e xente máis baixa, xente máis educada e menos educada, máis instruída e menos instruída, pois hai xente máis limpa e outra máis porca. Un exemplo. Dúas das tres cidades máis limpas de España, segundo os estudos da OCU, son Oviedo –número 1- e Gijón –número 3-. Ambas cunha das porcentaxes de investimento en limpeza máis baixos de España (52 e 36 euros por habitante ano) e entre as máis porcas está Madrid, que dedica 78 euros por habitante.

Hai anos, era Tierno Galván alcade, o concelleiro de limpeza escribira un artigo en El País que lembro. Comparaba datos e argumentaba. Resulta que en Madrid dobraban o número de papeleiras por habitante de París, varrían o dobre de veces a Porta do Sol que Picadilly Circus ou que Notre Dame, e a cantidade de lixo apañado na rúa respecto do recollido nas bolsas dos contedores era o triple que nesas cidades. Os medios e custo do servizo en Madrid era moito maior que en París ou Londres, pero o cidadán, moito máis porco. Así, directamente. Aínda non se inventara o politicamente correcto e un concelleiro podía dicir iso sen pestanexar. E Asturias? Pois lembren que desde 1990 levan seleccionando todos os anos un “Premio al pueblo ejemplar” promovido pola Fundación Príncipe –agora Princesa- de Asturias e si, existe unha sensibilización social sobre o asunto de teren os seus lugares limpiños e fermosos. Certamente, vense. Un motivo de orgullo.

E hai que promocionar esta sensibilidade e implicación. Voluntariado coas cidades, como cando hai eventos tipo olimpíadas ou Exposicións Universais, pero de xeito estable? Pode. E por suposto, máxima dureza cos emporcadores e cos destrutores do mobiliario urbano. Non hai que explicar que non se poden queimar contedores do lixo, facer pintadas en monumentos, ou arrincar árbores da rúa. Iso débese saber de serie. E o que non o saiba, máis que educalo, hai que domalo. E para iso está o pau. Metafórico, claro. Pero pau.

Te puede interesar