Opinión

Etapas e smartphones

Cada cousa ao seu tempo. Non se poden comer uvas en xuño porque aínda non están maduras. Un neno non pode conducir un coche aínda que lle chegue aos pedais aos doce anos. Tampouco pode comprar tabaco nin alcohol. Os dereitos dos nenos están matizados pola idade e só coa súa maioría chegan a ser plenos dereitos civís. Entrementres están tutelados polas familias e pola sociedade. Por iso, aínda que un pai non vexa inconveniente en que o seu fillo almorce un gin-tonic con galletas e fume un Montecristo antes de ir ao cole, pois a sociedade organizada non llo permite. A democracia, que é un sistema de xestión de goberno, non o é, obviamente, de funcionamento das relacións sociais e menos familiares. Nas casas débese recadar a opinión dos menores pero a decisión das cousas é dos adultos. Nas empresas, pódese recadar a opinión dos traballadores, pero as decisións están en mans dos donos. E como poder arbitral supremo están as normas que a sociedade dita no seu conxunto. Ou sexa, que non se pode fumar nos bares, non se pode conducir bebido, ou non se pode despedir traballadores pola brava, por decisións colectivas de obrigatorio cumprimento. E todos contentos. 

Onde vou? Pois a que hoxe hai unha cuestión candente, desde 2007, que ten que ver coa evolución na cría dos humanos, pero que pola súa proximidade non conta con regulación específica. En fin, vou ver se me explico. Os nenos aprenden a falar contra os dous anos ou así, pero o proceso de maduración do razoamento é moito máis lento, por iso os menores de catorce anos son ininputables cometan o delito que cometan, e só a partir dos dezaoito teñen responsabilidade plena. Ben, pois desde hai uns aniños a nenos e nenas vímoslles comprando uns aparellos terribles, os smartphones, que non son teléfonos para telos localizados, como inxenuamente tratamos de autoxustificarnos, senón auténticas armas de destrución de etapas evolutivas. Eu creo moito máis perigoso que un neno de doce anos leve un “móbil” á cama, que unha botella de wisky. Co wisky durmiría, co telefoniño... Aos colexios chegan hoxe críos faltos de sono, que vai ver ti en que cousas fedellan nesa biblioteca e cloaca máxima que é a rede. E o que ven confúndeno coa realidade porque aínda non teñen ben formado o filtro. 

E ensinar a usar as TICS na infancia é un imposible porque ten que ver cunha capacidade de raciocinio aínda non acadada polo infante. Os nenos soldados de África son especialmente crueis, porque saben tecnicamente usar as armas, pero non teñen aprendido -non é innato- a empatía co que sofre. Parecido cos móbiles. Nótase xa que os nativos esmartfonios non dan desenvolvido ben as súas capacidades de interacción cos demais e nin sequera co medio, carecen de resistencia á contrariedade, etc. Padecen nomofobia -medo ansioso a non poder usar o móbil- e “phubbing” -facerlle máis caso ao móbil que á persoa que temos ao lado. 
En fin, a sociedade debe reaccionar -como co alcohol, o tabaco, etc.- e promover unha prohibición global do uso dos smartphones aos menores de 16 anos. Os expertos están de acordo. Claro que o inimigo que temos enfronte é, nin máis nin menos, que o lobby telefónico mundial, pois falamos de retirarlle de golpe o 24 por cento da súa clientela, a máis manipulable e descontrolada. Cumpría darlle cunha pedra na fronte a Goliath. 

Te puede interesar