Opinión

Feliz ano novo!

Pois si. Iso de que empece o ano o 1 de xaneiro non deixa de ser unha convención un tanto estraña. Non é nesa data cando os días empezan a medrar, nin a devecer; non é un solsticio, nin un equinoccio; digamos que non hai razón astronómica, nin de cultura relixiosa que aconselle empezar a contar o ano desde o 1 de xaneiro. E como sabemos, ademais, non sempre foi así. O noso calendario actual, o calendario gregoriano, lembremos, foi impulsado polo papa Gregorio XIII en 1582 e veu substituír ao calendario xuliano, imposto por Xulio César no  45 a.C. Pois ben, no xuliano, facíase empezar coa primavera polo que viñan coincidindo os meses  de setembro, outubro, novembro, decembro... cos numeral do ano (sete, oito, nove, dez). Inda ata non hai moito se conservaba no refraneiro o dito de “O un de abril van os burros onde non deben de ir” referido a que os menos postos nas novidades da reforma gregoriana, ían convidados ás festas de comezo de ano, cando non era. De aí vén, como se lembra ciclicamente, o chamado “April Fools’ day”, en inglés; “Pesce de Aprile”, en italiano; “Poisson d’avril”, en francés; “Día da mentira”, -ou “das petas”, “dos tolos”, “da gafe”, “dos bobos”, en portugués; ou “Día dos enganos”, creo que por denominación recente, en Galicia. Certamente, como xa temos sinalado nalgún momento, que o día destes enredos cómicos se celebre na maioría do mundo hispano facendo referencia ao hipotético asasinato dos nenos menores de dous anos de Belén ordenado por Herodes no seu tempo, pois parece un tanto humor negro.

Así pois, sinalar unha data para o comezo do ano é unha decisión libre e case aleatoria. E como xa cambiou pode ser cambiada novamente. E non me vou meter eu a pedir que se faga, porque tanto me ten. Sobre todo, porque, senón de dereito, si de feito, o cambio xa está aí. O día de comezo do ano, meus lectores, como saben todos vostedes, é hoxe. Primeiro de setembro. Despois da baixa actividade nas administracións e en todo negocio non relacionado co turismo de xullo e agosto, a vida habitual recomeza dalgún xeito contra principios de setembro. Os estudantes e profesores, volven ás aulas; os parlamentos e concellos seica retoman o traballo ordinario; as televisións, estrean programacións; os editores sacan fascículos -cada vez menos-; as dependencias administrativas apresúranse a gastar os cartos antes do temido “peche” e outubro ou novembro; en fin, hai sensación xeral de volta ao trafego ordinario, á presunta normalidade. E ademais, todos cheos de bos propósitos: Voume matricular en inglés, vou ir ó ximnasio...  

Así pois, permítanme que lles desexe que este ano que comeza veña cheo das maiores venturas de saúde, amor e felicidade, e de recompensas aos seus esforzos, case como se fose xudeu, pois eles, adiantados, celebran, o seu aninovo, o Rosh Hashaná, do ano 5779, na posta do sol do vindeiro 9 de setembro. Así pois, permítanme xudeus, árabes, cristiáns, agnósticos, ateos, cataláns, ucraínos, gregos, americanos, galegos, madrileños, kosovares,  dominicanos, xentes dos partidos parlamentarios e extraparlamentarios, policías e ladróns, xentes todas de todo o mundo mundial, que lles desexe a todos para este novo ano, o mesmo que ás vacas: “Pace ben”.

Te puede interesar