Opinión

A festa da Otero Pedrayo

Como saben a maioría, a Fundación Otero Pedrayo organiza desde 1983 unha festa na que baixo o nome de “Premio Trasalba” homenaxea a unha personalidade da cultura. O primeiro ano foi, e debía ser, don Xoaquín Lorenzo, epígono e transmisor principal da voz da xeración Nós desde a morte de Otero, en 1976, ata a súa propia en 1989; tempos de transición e consolidación do mundo moderno. Ao longo destes trinta e seis anos foron premiados todos os grandes da cultura galega e de Ourense, á parte de don Xoaquín, Monseñor Arauxo, 1989; Pura Vázquez, 1996; Xesús Alonso Montero, 2000; Xosé Luís Méndez Ferrín, 2001; Augusto Pérez Alberti, 2002; Olga Gallego, 2008; Cristina Pazo, 2013; Antón Pulido, 2015, e este ano 2018, como saben, a Coral De Ruada. En total, conten, dez premiados de trinta e seis; teñan a idea de que Fundación, aberta a Galicia, non esquece os ourensáns, vivan fóra ou eiquí.

A festa víñase celebrando sempre o último domingo de xuño e, na parte máis lúdica, remataba cun xantar de pulpo, empanada e carne ó caldeiro, na que se compraba unha cunca de Sargadelos feita por Isaac Díaz Pardo ao efecto. O xantar facíase no Souto do Pazo, baixo unhas carpas en bancos corridos, en plan “xantar de feira”. A cousa estivo moi ben e os galeguistas vellos agardaban ese día para vérense, xuntárense e cantaren con don Paco del Riego a canción da “burriña”. Por alí eran fixos Isaac Díaz Pardo, Xaime Illa Couto, Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Marino Dónega, o factotum Agustín Sixto Seco e en xeral todos os “vellos” e tamén as xentes do Museo do Pobo Galego, de Galaxia, da Penzol, do ILGA, etc. como Carlos García Martínez, Fernando Acuña Castroviejo, Encarna Otero, Carlos Casares, Antón Santamarina, Rosario Álvarez, Xesús Ferro, etc., etc. Polo normal viña habendo sobre 150 ou 200 persoas. 

Estas xuntanzas, normalmente coincidentes en data coa festa da Coral “De Ruada” en Oseira -moitos ourensáns debían escoller- é lembrada, normalmente, por inmensas calores baixo os toldos. E desde a Fundación, a nova comisión de goberno presidida por Juan Saco, viu a conveniencia de cambiar de modelo e aposta por un novo formato. A verdade é que “os vellos” morreron todos e facíase moi pesado estar con actos pola mañá dun domingo, xantar inmóbiles á calor, sen se levantar da mesa, practicamente ata as seis da tarde.

O novo formato, conforme aos novos tempos, é máis lixeiro; tamén as estradas son mellores e permiten voltas máis tardías. Este ano foi así: ás sete e media da tarde do sábado, entrega do galardón no salón de actos: logo actuación da Coral De Ruada desde o balcón, e de nove a dez, máis ou menos, degustamos un magnífico viño de Terras Mancas -adega de nova creación en Soutomanco, Trasalba-, un xamón de castañas selecta de Coren, e uns petiscos postos polo Cátering de Belén de Allariz, todo de pé, nunha mesas e movéndonos e charlando –“inteactuando nas relacións interpesoais”, que diría “o outro”-. Este ano, coa Coral era éxito asegurado; hai moitos amigos. Tamén viñeron moitos veciños de Trasalba -alégranos que vexan cada vez máis o Pazo como cousa súa- e veu tamén, incluso e sen ser convidada, a chuvia. Esperamos que volva, nunca antes o fixera, dentro doutros 36 anos, ou sexa, en 2054. Présa non hai.

Te puede interesar