Opinión

Folio en branco

Teño que escribir o artigo de mañá. Pánico, non teño “fondo de armario”. Repaso rapidamente os temas que andan hoxe ceibos. Cataluña. Que pesadez. A primeira vez que oín o nome de Quim Torras, pensei en King Africa e nas súas cancións do verán. Despois, cando lle vin a cara tivéronme que xurar que non ela Leo Bassi, o humorista italSiano. Total, nada interesante. Mmm.  Moción de censura. Outra cousa pasaxeira non con disparo pola culata senón para rebentar e salpicar a todos. En fin, en calquera caso, levo a camisa limpa e sen segundas, non necesito meterme en camisas de once varas, nin menos... Corrupción... Ah si. Mmmm. Si. unha vez collinlle a un repartidor de Repsol unha camiseta de propaganda, pero isto creo que non conta. Ademáis useina primeiro de camiseta de abrigo e despois cada vez que   tiña que pintar a parede da terraza ou cortar herba na finca familiar. Fenomenal. Deume bo resultado. Pero de corrupción lembro unha historia que lles xuro que é certa e aínda quedan en Ourense varias persoas que non me deixarán mentir. Debía ser o ano 1992 cando desde o Clube Alexandre Bóveda celebraramos unha mesa redonda sobre a corrupción política. Foi a cousa na Galería Sargadelos. Había alí, á parte de pouquiño público, -estabamos como en familia- representantes dos PP, PSOE, BNG e creo que ningún outro partido. O coloquio desenvolvíase, daquela, no mellor dos tonos. Non había crispación. Buscabamos, para empezar, unha definición común de que era a corrupción, porque a cousa non estaba clara de todo. E aí vai a anécdota. Un dos da mesa, recontra parente do Luís Roldán, á sazón Director Xeral da Garda Civil, aínda non descuberto nin fuxido nin detido, senón coñecido como exitoso creador da Garda Civil do mar e da infiltración dos axentes en ETA que desarticularon a cúpula de Bidart, comentaba  que o tal Roldán -o seu cuñado, creo- acababa de comprar, non sei, mil Nissan Patrol para a Grada Civil e despois de pechada a operación por ser a mellor opción do concurso, pedíranlle desde a compañía, media ducia de enderezos de amigos porque lle querían enviar un detalliño. O Roldán, segundo dicía o rapaz, pasáralle o seu, pensando nunha caixa de viño. Aos poucos días, recibira na casa, nin máis nin menos que un flamante Nissan Patrol branco de regalo. E dicía el, inocente, isto non é corrupción porque non fora “mau por pardau”, senón un simple detalle de agradecemento a posteriri. Dicíao con tal naturalidade, que ningún nos escandalizamos. Eran outros tempos. Logo, outro dos políticos, dos que accederan non había moito ao goberno dunha vila das proximidades, contara en medio da risas de todos, un capítulo da súa adptación ao machiño municipal. Ás poucas semanas de ocuparen o goberno, chegara un construtor a presentar un proxecto. Explicando as condicións económicas dixo... “E claro, o 3 % para o partido”. A cara de asombro do barbado rapaz, debeu ser antolóxica -non entendía nada, seica- e retrucoulle “Como que o tres por cento para o partido?”... Silencio do construtor... “Pois vale, o catro, e non se fale máis!”. Nova cara de asombro, “Como que non se fale máis, e o catro por cento para o partido?” -dixo o político. O construtor serio,  constestoulle, azaneando a cabeza, e dixo  algo así como “Carallo que rápido aprendedes, pois do cinco nunca pasamos. O cinco e xa está”. Rimos todos como co caso do Nissan. Tanto rimos que nin aclaramos que pasara ao final.  En fin, ten razón Les Lithiers, cando din que calquera tempo pasado, foi anterior”.

Te puede interesar