Opinión

Franco que tiene el culo blanco...

Aesquerda deber superar certo complexo con Franco. Si. O demo cando non ten que facer espanta moscas co rabo e ás veces cando a esquerda non sabe que facer, agrómalle unha obsesión co tipo ese. E o complexo non é o freudiano “matar ao pai” porque o de voz de pito non ten nada que ver con eles, pero tamén parece patolóxico: non lle perdoan (ou non se perdoan) que morrese na cama -aínda que torturado por uns médicos amigos- e menos lle perdoan que pasasen pola súa capela ardente centos de miles de persoas.

A vitoria do franquismo despois dunha terrorífica guerra civil e dunha represión feroz e sanguinaria, foi a despolitización da maioría social. A xente pasou páxina -á forza- e centrouse nas súas vidas e en cousas afastadas dunha xestión pública que era exercida con máis ou menos eficacia, con máis ou menos honradez, segundo as persoas que participaron no xogo que se podía xogar con aquelas cartas marcadas. E froito das circunstancias houbo alcaldes e concelleiros durante o longo mandato de Franco, que máis alá deste pecado orixinal, foron boa xente e honrados -como o meu tío Roberto, por exemplo, ou Pepe Mato, o avó de Martiño, de Ourense en Común, por outro exemplo- mentres outros foron uns auténticos canallas.

O caso é que a esquerda non conseguiu nos anos da modernización e desenvolvemento económico de España -anos sesenta e primeiros setenta- facerse hexemónica entre a xente, a pesar dos meritorios esforzos dun PCE que se centraba no impulso á penetración social coas súas Comisións Obreiras e no traballo entre os intelectuais.

En fin, Franco acabou por morrer, pechouse, de seu, o ciclo dunha ditadura, e uns e outros fixeron unha das cousas máis positivas da historia de España: pasaren páxina xuntos e miraren para adiante. O tópico dos avós Cebolleta contando cousas da guerra que a ninguén interesaban, fixérase xeral. A esquerda reconstruída co apoio alemán sobrepasou á esquerda tradicional do interior, pero ambas estaban felices por ocuparen de novo espazo público en liberdade e facer xestión para mellorar as cousas. Alcaldes como Tierno Galván, Paco Vázquez, Veiga Pombo, Julio Anguita foron exemplos dos novos tempos.

Os nenos, entrementres, xa non estudaban aquelas parvadiñas como a FEN que, lembrémolo, era a materia menos estimada, a máis maría de todas as marías, e deixaron de saber quen mandara antes. Franco só lles soaba das letras con que xogaban co himno: “Franco, Franco, que tiene el culo blanco porque su mujer, se lo lava con Ariel, y la reina Sofía se lo lava con lejía, porque al Borbón se lo lava con jabón”, ou outras similares. O franquismo foi condenado ao desprezo ou ao olvido. Nin sequera houbo un partido que termase da súa memoria. FN desapareceu e con ela aquela nostalxia dalgúns vellotes repunantes ou mozos atravesados. 

Pero moitos anos despois, comezaron a furgar na bosta da nosa historia. E o que deberían ter sido actos privados, íntimos, entrañables, absolutamente lexítimos como a localización de mortos e o seu enterro, convertéronse en espectáculo mediático interesado, e reviviron a lembranza do enfrontamento co flamexar das bandeiras e himnos do pasado. A guerra foi como foi. Asasinatos houbo os que houbo. E aquelas xeracións extinguíronse. Os que eran mozos de trinta anos cando comezou a tolemia, terían agora cento dez anos. En fin, non sei se sacarlle a medalla a Franco será unha forma de recoñecer como representantes lexítimos nosos aos mandos políticos do momento. E iso, si que non. Quédome co “antifranquismo” dos nenos.

Te puede interesar