Galicia bilingüe e o Partido Nazi

Galicia bilingüe e o Partido Nazi

Que ninguén se asuste: non vou facer ningunha asimilación dun co outro. É só unha cuestión de xogo lingüístico porque non quería titular o artigo “Arre carallo!” que era o que primeiro me veu á cabeza ao ver que Galicia Bilingüe se integrara nunha organización que se chama Hablamos Español. E vóumelles explicar, pois as cousas da lingua son, moitas veces, enganosas. Unhas palabras claras e limpas poden agochar significados rabudos e feos. Por exemplo, nazi. Sabemos todos que é a forma reducida de nacional socialista. E se o pensamos, “nacional” é un adxectivo fermoso, referente aos que teñen un nacer común, en lugar e comunidade; algo entrañable. Socialista, tamén é palabra fermosa.

Fálanos dunha preocupación polo social, pola sociedade, polas persoas. Así, esa confluencia de nacional e socialista, nun sentido puramente lingüístico, falaríanos do interese nas persoas que teñen en común o lugar de nacemento. Pero non. A traxectoria do Partido Nazi foi, seguramente, a máis terrorífica da historia da humanidade, e con ela, unha ideas loucas sobre superioridades raciais fixeron tolear unha sociedade culta, avanzada e democrática, enchela de odio e provocar o maior baño de sangue da historia. 
Cando, por primeira vez, vin o nome de Galicia Bilingüe penseilles ben. Galicia é palabra fermosa. Empézase a pronunciar suavemente, coa parte posterior da boca - oclusiva velar sonora- e logo hai unha agradable alternancia de vogais abertas e pechadas: -a-i-i-a-. Máis alá de afectos e desafectos, Galicia é palabra suave que enche a boca, e non é ríspeta, perdóenme, como Extremadura ou Murcia. 

E que dicir de bilingüe? Dúas linguas sempre mellor ca unha. E tres mellor ca dúas, e catro ca tres, e así progresivamente. Se unha lingua é unha riqueza, cantas máis, máis ricos somos como persoas. Así que defender, sobre todo naqueles tempos de hai vinte anos, dúas linguas para Galicia, pois moito mellor ca unha, claro. 

Pero logo fun vendo o que facían. E a pesar do nome, non se agochaba alí o amor plural ás linguas que moitos sentimos. Ese polo que nos preocupa que o Estado español non dea potenciado como debera o castelán no contexto internacional: lingua de vinte e tres países, case dun continente enteiro, cunha das da literatura máis ricas do mundo, facilmente accesible para os que falan italiano ou portugués... e ben pouco estudada nas escolas estranxeiras... O problema do castelán non está en Galicia, está no mundo.

Pois ben, ningún cariño, os de Galicia Bilingüe, non con esa lingua irmá grande e potente, senón promovendo accións de escarnio coa lingua de orixe desta terra, precisada como estaba e está de discriminacións positivas. Medidas para favorecermos aos desfavorecidos da historia parecen eixos reitores da cultura occidental actual: cotas femininas, bolsas de estudos aos estudantes de menos recursos, protección da natureza... E algunhas linguas, eixos de cultura por suposto, tamén precisan estes mimos.

E agora Galicia Bilingue intégrase en Hablamos Español. Era visto. Acabáramos. Non era, non, o seu obxectivo a defensa das dúas linguas de Galicia. O mundo ao revés. O único problema lingüístico real que temos hoxe aquí é a progresiva desaparición entre as xeracións máis novas da lingua do país. Así pois, en 2019, “Falemos galego” deixémonos, neste tema, de politiqueiradas e de contos podres.