Opinión

A gramática de Saco, e outras celebracións

Está rematando este ano 2018 no que en Ourense houbo un par de celebracións que pasaron máis ou menos desapercibidas. Por unha banda, o centenario da Ponte Nova. Fíxose, si, unha exposición na rúa do Paseo e pouco máis, fóra do moi bo extra deste xornal no que se incluía, incluso, un facsímile doutro extra de cando cumprira os 75 anos. Non é que houbese que excederse, pero abofé que se podería ter aproveitado mellor para “pór en valor” como se di agora, o conxunto das pontes da cidade ou da provincia. En fin, para construír pontes entre onte e hoxe, entre a memoria e o futuro. Pero xa foi. 

O outro aniversario é do mundo da cultura libresca. Resulta que hai século e medio exacto, o crego Juan Antonio Saco e Arce publicou a súa Gramática gallega, a primeira de altura científica e feita por un lingüista, que puxo o galego no mapa dos estudos dos especialistas europeos. Ben, pois o vindeiro xoves día 22 a Real Academia Galega promove no IES Otero Pedrayo unha sesión de homenaxe ao crego de Alongos coa inauguración dunha pequena exposición pola mañá e cunha serie de charlas de especialistas pola tarde. E iso lévame a unha reflexión sobre o seu esquecemento. Repasando o rueiro de Galicia -cousa ben fácil hoxe coa asistencia de San Google, que lle saca o posto cada vez máis a San Antón como padroeiro das buscas difíciles– localizo que en todo o país, só Ourense ten un espazo a el dedicado, unha praciña. É máis, só na nosa cidade se lle fixo algún caso. En setembro de 1887, coincidindo coa inauguración da estatua do Padre Feijoo, púxoselle unha placa na súa casa da praza do Trigo. Ese mesmo día púñaselle outra ao seu amigo José García Mosquera. Logo, en1892, déuselle o seu nome a antiga praza do Olmo, na zona vella; e tamén, coinciden de novo, o do seu colega García Mosquera á rúa que abeira o Instituto do Xardín polo norte. E máis nada.

En ningún outro sitio de Galicia se lle rendeu homenaxe especial. E como foi a cousa para que, nin máis nin menos que o autor da primeira gramática, pasase sen honras especiais na historia e nin sequera se lle dedicase ningunha das 55 edicións do Día das Letras Galegas? Pois creo que é un cúmulo de circunstancias. En primeiro lugar, ser fondamente antiliberal pexou as simpatías da intelectualidade progresista. Logo, ao morrer tan novo, con 46 anos, en 1881, fixo que non tivera corte ou escola de seguidores e así, un magnífico libro -o máis importante sen dúbida feito ata ese momento de literatura popular de tradición oral- quedou truncado e nunca saíu á rúa, logo de estaren xa corrixidas as probas de imprenta. En fin, a Gramática e as súas Poesías foron foguetes solitarios. Logo, cando se cumpriu o centenario do nacemento, en 1935, o país non estaba para festas e menos a un crego absolutista. Das poucas achegas, un artigo de Risco en La Región o 7 de marzo, e outro doutro crego, Pedret Casado, na revista Nós. Tampouco o ano centenario da Gramática, 1968, foi o máis propicio para que seducir aos intelectuais coa figura dun tradicionalista militante. Así, por unhas circunstancias ou por outras, a figura do máis grande lingüista do século XIX noso, do Rexurdimento, ficou esquecida. E case só a familia termou da memoria: Juan Saco Maureso reeditou a Gramática en 1967 e Juan Saco Cid, en 1987 teceu os restos conservados para facer o libro previsto en 1881. Así pois, está ben que a Real Academia Galega se vaia lembrando del. E que empece en Ourense, pois mellor, claro.

Te puede interesar