Opinión

Hai corenta anos...

Un empeza a ser bastante maior cando lembra o que votou hai corenta anos. Pero todos os que votamos daquela lembramos o voto. Para moitos, era a primeira vez que tiñamos opción de participar na decisión sobre o campo de xogo no que nos queriamos xogar o futuro. Seguramente poucos cambiarían o que votaron; eu si. Lembro que algúns que transitabamos desde as zonas máis simples das oposicións xuvenís ao sistema á democracia que nos acubilla, seguimos unha das peticións de voto máis curiosas da nosa historia. Explícolla simplificando. No referendo da Constitución en Galicia había forzas que pedían o non (a extrema dereita, Fuerza Nueva e falanxistas; e a extrema esquerda española, varios grupúsculos comunistas; e os nacionalistas radicais da UPG e arredores). Había forzas que pedían o si, a UCD, AP, PSOE, PCE, PTE, ORT... Había forzas que pedían a abstención, Movemento Comunista, CNT... (a nivel de Estado, HB e Esquerra Republicana, pedían o non; e o PNV e os anarquistas a abstención).

Pois en Galicia, os partidarios da renovación do nacionalismo que seguíamos a Camilo Nogueira, optamos por pedir o voto máis raro: en branco. O razoamento tiña miga: non ir votar podería parecer desinterese na democracia que se estaba construíndo. Votar non era impensable porque a Constitución contiña grandes avances e non se podía confundir a postura do noso grupo coa dos nostálxicos ou dos antisistema. Votar si tampouco enchía o ollo, porque a pesar do moito que se avanzaba, había cousas que se achaban de menos. Daquela, voto en branco. Complicado de defender. Hoxe, despois de corenta anos de reflexión, creo que votaría si, sen máis.

Por certo que Ourense foi a provincia con menos porcentaxe de votación de España -só un 39,4 por cento dos convocados, un 27,7 por cento por baixo da media de España- aínda que o resultado de positivos superou o 90,6 por cento, máis de dous puntos de diferenza sobre a media. Ao día seguinte no editorial de El País aparecía citada Ourense, circunscrición á que atribuía unhas irregularidades censarias superiores ao 30 por cento. Noutros medios recollíanse que, na zona de Ribadavia, interventores socialistas solicitaran -e conseguiran- a retirada de retratos de Franco duns cantos locais usados como colexios electorais. Pero todo tranquilo.

Eu lembro feliz a ocasión. Estabamos construíndo unhas regras de xogo e optamos por un sistema de liberdades, dereitos e deberes, semellante ás democracias europeas. Inglaterra, Bélxica, Holanda, Suecia, Noruega, Dinamarca, ensinábannos que a monarquía podía ser tremendamente útil á democracia e posibilitar as alternancias no goberno. Ademais España historicamente era unha monarquía con dous ensaios de república -sete anos por xunto- que acabaran mal, moi mal; Alemaña ensinaba que era posible un estado moi descentralizado con poderes intermedios entre os locais e o central e que aquí se chamarían en vez de “estados”, “comunidades autónomas” e que había que empezar a construír. Europa era o exemplo.

Hoxe cuestiónanse a dimensión e forma dese campo de xogo, as regras, o árbitro e non sei se que a cousa non funcione mellor, será máis dos clubes, das tácticas dos adestradores, dos xogadores, dos afeccionados... Creo eu.

E se a Pepa era a Pepa polo día, pois feliz aniversario e viva a corentona Dionisia, daquel 6 de decembro.

Te puede interesar