Opinión

Idades marcadas I (por abaixo)

Sabemos todos, e asumimos,  que o voto é aos 18 anos e o carné de conducir, tamén.  E saben vostedes que os rapaces antes desa idade xa lle chegan aos pedais do coche e que moitos teñen un ou dous anos antes, unha formación moi superior á que tiñan os seus bisavós a esa mesma idade, pois viven noutro mundo, aínda que no mesmo planeta porque é outro tempo. E por que logo non poden conducir ou votar antes?, digamos aos 14 ou 16? Pois porque a sociedade pensa que non teñen a suficiente madurez -palabra de uso reducido na linguaxe actual- como para controlar algo tan decisivo. Si, un coche é unha marabilla. Pódete levar dun sitio a outro cando queiras. Pero é perigosísimo; e sábeno ben. E co voto, pois algo parecido. Así que, pensamos, aos dezaoito anos xa temos a persoa minimamente preparada para decidir en igualdade con outros máis vellos, expertos e formados. E non está mal que así sexa. 

Do mesmo xeito pensamos que para unha motocicleta, cousa tamén marabillosa -pódete levar, etc. etc. e tamén terrible, etc. etc.- pois dezaseis anos chegan. Pero non sempre foi así. Antes podía un sacar a licencia de motocicleta cando tiña a EGB aprobada, con catorce anos, ou aos dezaseis, se non fose o caso. Porque se pensaba que un de catorce coa EGB tiña a madurez equivalente a un de dezaseis sen ela. Isto animaba a moitos a esforzarse no tituliño pola ilusión da motiño. Agora, claro, todo cambiou. O do mundo, o planeta e tempo.

E falemos do teléfono móbil. Do ordenador con calculadora, cámara de fotos, vídeo, teléfono, internet, radio, música, etc., que cabe nun peto, e que por nugalla vimos chamando “móbil”. Como sabemos, é unha ferramenta marabillosa porque permite a comunicación mundial instantánea, mergullarnos nos recursos dos coñecementos da humanidade en calquera momento, avisar ás urxencia e salvar vidas, etc. Pero tamén sabemos que é un perigo o uso indebido. Provoca accidentes (habería que ver se salva máis vidas ou as quita), serve para filmar o que non debe, establece relacións tóxicas, acosa a outras persoas, etc. E cal é a idade mínima para tan poderosísima arma? Non hai. É de venda libre. Supomos, logo, que, para esta ferramenta, todos nacemos sabidos e con madurez de serie. Que xa aos nove, ou dez,  ou doce anos xa sabemos discernir no seu uso. Pódolles asegurar que os problemas escolares con eles son cousa das idades temperás, pois no bacharelato xa andan, normalmente, a outras cousas. Así pois, ou unha de dúas: ou deixamos que, se traen a madurez de serie, voten nas eleccións desde que lles compremos o móbil -aos dez ou once anos, por exemplo- ou ben poñémoslles barreiras ao seu acceso porque pensamos que non teñen madurez abonda. A nivel europeo, cando menos, claro.

Creo que sería boa cousa o permiso de conducirse pola vida con móbiles coa obtención do título da ESO. Flexible, estou disposto a pactar o seu uso desde a fin de idade de inimputabilidade penal iuris et de iure que son os 14 anos. Así, diriámoslle que o usen para ben, pois para mal xa estarían afectados pola lei de “responsabilidade penal do menor”. 

E desde ese momento, con normalidade, usalo como ferramenta pedagóxica nas aulas. 

Te puede interesar