Opinión

II Festa d´a vendimi. Leiro. 1964

Unha das cousas boas que teñen as bibliotecas públicas -mellor dito, o uso desas bibliotecas que non é exactamente o mesmo- é que cando andas á procura de información sobre algo, podes atopar de todo. E así é como avanza a investigación, en boa medida, a base de descubertas máis ou menos casuais, en calquera caso, tanxenciais ao obxecto inicial da procura. E si, é bo que llo deixemos ben claro aos rapaces de hoxe: non todo está na rede, non a todo se chega a través de Google. Hai vida máis alá das pantallas. 

En fin, voulles comentar a localización non dunha xoia, pero si dun documentiño apreciable, polo que contén e polo que significa. Cóntolles. Estou preparando unha charla sobre o viño en Otero Pedrayo convidado pola á xenerosidade do amigo Juan Casares, á sazón director da Evega, que quere dicir Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, dentro II Semana Vitivinícola de Galicia, e que pronunciarei precisamente hoxe á tarde no Marcos Valcárcel. E traballando na procura de información para a mesma -xa saben que o único lugar onde o éxito vén antes que o traballo é no dicionario- pois topei na Biblioteca Nodal de Ourense un folletiño de 1964 que é unha cousa ben curiosa. 

Se cadra topar non lles é a palabra precisa, porque non estaba perdido, nin andei revolvendo nada, mellor debería dicir, e digo, localicei nos seus catálogos, e pedín e servíronme, un folletiño que leva na capa as seguintes indicacións: “II Festa d’a Vendima. Ribeiro de Avia. Leiro 1964”. Como poden ver, está en galego e ten, xunto cun protocolario saúda do alcalde (Arsenio Paz Carballo) e unhas fotos da festa na súa primeira edición en 1963, varias colaboracións curiosas. Dúas de Otero Pedrayo: un artigo que abre o folleto, titulado “Lembranza en honor de Eladio Rodríguez González” que, como saben, é o máximo lingüista que leva dado Leiro, autor dun magnífico Dicionario galego, e outro artigo lírico titulado “A vendima”. (Otero fora xa o pregoeiro en 1963 da I Festa e non sabemos se será este mesmo.)

Tamén hai dúas composicións poéticas de Celso Emilio Ferreiro. A primeira titúlase “Atardecer en Leiro”, de sabor moi moderno e moi especial dentro da súa produción. Son cinco frases en maiúsculas (“A ARPA AZUL DA NOITE ACOBILLOUSE EN LEIRO”, é a primeira), retrucadas cunha copliñas (“Non foi arpa, que foi/ amor, o doce vento/ pousado no solpor/ como un paxaro antergo”) e rematadas con “O VIÑO É UN RUISEÑOL E A CUNCA O SEU NIÑO/ Galicia é un xardín / e Leiro un paraíso./ O segredo da terra/ nunha cunca de viño./ Verque na xarra fresca,/ escancia viño branco ou tinto./ Nun grolo beberei/ a patria enteira. QUE NESTA TARDE MOL TODO ESTÁ PERMITIDO”. A outra achega de Celso Emilio, está formada por nove cuartetos, máis tópicos ao meu entender, que levan o título de “Viño do Ribeiro”. Pero tamén hai un poema de Antón Tovar Bobillo titulado “O viño novo do Ribeiro” -recollido como un dos primeiros na súa obra completa- e unha fermosa gabanza en prosa dos viños do Ribeiro e de Leiro, en castelán, de don Álvaro Cunqueiro, acollida baixo o título de “A vendima de Leiro”.

En fin, que as cousas era moito máis complexas que como se adoitan a ver desde o momento presente. O gobernador, o ferrolán José María López Ramón, levou o “racimo de oro” por facilitar as cousas ao alcalde de Leiro, pero ben ven vostedes que daquela había oco para a vivir a vida e vivir a esperanza.

Te puede interesar