Opinión

Ilusións electorais

Agora que as fichaxes de inverno xa pecharon no fútbol e as políticas están rematando, hai moitos que botan as contas da vella. Quen gañará a Liga? Quen gañará as Locais? Se fulano suma con mengano, pois pactarán con sicrano e pedirán a cabeza de beltrano; e na Casa grande enfronte do América, pois pasará tal ou cal cousa. En fin, estes cálculos son tan interesantes como naturalmente interesados por cada un dos que andan con contas ou contos; ou sexa, contistas. E como todos non poden acertar lémbrolles que nas do Gran Capitán incluían “ciento sesenta mil ducados para reponer y arreglar las campanas destruidas de tanto repicar a victoria”. En fin, xa veremos quen repenica alegre, quen oe misa recollido, porque quen paga, xa o sabemos. De momento, vexamos como se sae deste desacougo social sobreactuado no que rematou a concordia da Transición. Hoxe uns candidatos vense ilusionados, e outros, como vellos fidalgos carlistas, viven de ilusións.

Curiosa a palabra “ilusión”. Como saben, en castelán ten dous significados case opostos. O primeiro, o etimolóxico, relacionado con “engano”. Así dicimos “ilusión óptica”, “vivir de ilusións”, “facerse ilusións” ou “pura ilusión”. Porque a palabra “ilusión” vén do latín “ilusio-ilusionis”, nome sacado de “ilusius”, participio do verbo “ilúdere” que significaba burlarse, rir ou xogar con algo ou alguén. Se lle sacamos o prefixo i -de in- ao verbo, recoñecemos nese “lúdere” cousas como lúdico. Por iso, unha ilusión óptica é un xogo, unha trampa divertida que lle facemos ao ollo. Así pois, neste sentido primitivo, orixinal, a palabra “ilusión” ten que ver con enganos que se cren os “ilusos”, que serían esas persoas que se “ilusionan” confundidas por “ilusións” que non son o que parecen.

Este significado, sobre todo negativo, que achega ilusión e iluso, é practicamente o único que ten en portugués, italiano, francés, inglés... Daquela, sospeito que outros significados positivos que ten hoxe en galego virán da influencia en nós que tivo a evolución da palabra en castelán, sobre todo na segunda metade do XIX. Hoxe, no dicionario da RAE, aparece inercialmente como primeiro significado de “ilusión” unha referencia ao engano: “Concepto, imagen o representación sin verdadera realidad, sugeridos por la imaginación o causados por engaño de los sentidos”; e deixa as positivas para a segunda: “Esperanza cuyo cumplimiento parece especialmente atractivo”, e terceira: “Viva complacencia en una persona, una cosa, una tarea, etc.” E estas segunda e terceira da RAE son as que resultan primeiras, de acordo co seu uso actual, no da RAG, redactadas destes xeito: “Felicidade que se sente pensando no desenlace de algo, en algo que vai vir ou que se espera que veña, ex. Esa viaxe non me fai ilusión”, e segunda: “Esperanza de conseguir algo ao que se aspira ou que se desexa moito, ex. A súa ilusión era xogar en primeira división”. E a RAG deixa a negativa para a terceira: “Erro dos sentidos ou da mente que consiste en tomar como real, ou posible no futuro, algo que non o é”.

Será contradición dicirlles que se ilusionen pero que non sexan ilusos? Pois iso.

Te puede interesar