Opinión

Invasores e invasores

Voulles falar hoxe dos invasores. Non daquela mítica serie que botaron na TV de cando era en branco e negro e cando tiñamos o pelo, curiosamente, só negro. Tampouco deses alieníxenas que andan recollendo sinaturas pouco menos que a pé de praia en Sanxenxo para pedir que se poida educar en castelán os nenos de Galicia. Mi madriña, que ganas!, que distorsión! En fin, nin palabra do disparate, non porque o problema sexa case o contrario, senón para non perder o tempo, aínda que esteamos de vacacións.

Falereilles dun bichoquiño invasor que chegou á península non hai moito -a mediados dos noventa, e só mediada a década actual a Galicia- e ao que eu vin no seu día cunha certa simpatía que foi diminuíndo ata desaparecer na actualidade. Chámase o tal, pola culta, Rhynchophorus ferrugineus, e pola popular, pois non tiña nome porque veu de Exipto e nós non temos palabras nas nosas linguas para insectos propios daquelas terras. En castelán, puxéronse de acordo e chámanlle “picudo rojo”. En portugués, aínda non chegaron a consenso: uns chámanlle “escaravelho da palmeira”, outros “besouro vermelho”. Nós, como queiramos, “bicudo vermello”, “escaravello da palmeira”, etc. o caso é enterdérmonos. E si, este bichoco só come palmeira. O insecto fura co corno que lle dá nome en latín (parente nominal do rinoceronte, pois) a mol febra da palmeira, faille buracos por dentro como a un queixo e acaba secando. Así están afectadísimas as palmeiras da provincia de Pontevedra. O becho avanza de sur a norte. Se o ano pasado foron as da zona de Baiona, este ano están moi afectadas as da zona de Sanxenxo, polo que observo.

E claro, dado que a palmeira non é unha árbore propia deste terra -e a min, persoalmente amólame ver palmeiras en paseos públicos ao pé do mar en vez de castiñeiros, nogueiras ou carballos, que ben se dan de seu en zonas virxes, ou case, como a ría de Aldán- dado é que tan de fóra como o, chamémoslle, escaravello da palmeira, podería adoptar unha postura neutral e dicir simplemente, problema entre invasores. Que se maten.

O outro día, indo para Areas, ao pé de Sanxenxo vin unha palmeira moi amoucada, coas palmas secas e caídas, na que fixera un niño unha pomba xeorxiana, ave en expansión, como me explicou un día o sabio Vicente Rodríguez Gracia, e que se distingue visualmente das pombas locais por teren unha mancha branca no pescozo. E pensei, especie que chega de fóra aniña sobre árbore morta de especie que veu de fóra, matada por un bichoco que veu de fóra. Pero non é tan simple. Non se pode ser neutral aquí. Hai que combater a praga.

A palmeira é unha especie exótica, ornamental, que se pode aclimatar con calma, moderación e dependente da acción do home, pois non inza e se reproduce de seu descontroladamente, como os eucaliptos ou as mimosas. Por iso exótica si, pero invasora non. 

Pola contra, o escaravello da palmeira invade o noso medio, reprodúcese a toda velocidade e mata selectivamente ás palmeiras plantadas hai décadas e décadas, como plantas ornamentais. E que fará cando acabe con todas? Espero non lle cambien os gustos alimenticios e lle dea polas cepas. 

Mellor non darlle oportunidade e acabar antes con el.

Te puede interesar