Opinión

Irmáns no amor de Suevia...

A magnífica exposición dos suevos -e suevas, que dirían os que queiran elevar ao paroxismo a corrección política de moda- tráeme á cabeza unha pequena reflexión sobre a historia e o mito. 

Como algo moi asumido polos historiadores de onte e hoxe está que os suevos chegaron ao noroeste da península ao redor do ano 409, pousaron inicialmente entre o Douro e o Miño, eran poucos, uns 30.000, pero menos dun terzo guerreiros. Asentáronse a través dun pacto no 411 co esmorecente poder romano para garantir a orde nun territorio esquecido na fin da terra. Axiña cambiaron a espada polo arado, fundíronse coas elites galaico-romanas, e adoptaron a súa lingua latina -pois eles falaban, digamos, unha especie de alemán antigo do que nos queda ben pouco- e incluso o catolicismo dos galaico-romanos dese momento de solpor do imperio. O nome da aldea de Ulfe pode vir, tranquilamente, dun suevo que se chamase “lobo”, nome que nos lembra o “wolf” da actual fala inglesa, e organizaron o país en parroquias esparexidas, cunha poboación dispersa, como na época dos castros e coma hoxe. Dalgún xeito, pois, foron continuadores da Gallaecia galaico-romana e do mundo castrexo.

En calquera caso, todas as historiografías enxalzan ata a mitificación algúns momentos concretos do pasado, usándoas de base para asentar sentimentos de cohesión produce. O historiador Carlos Barros sinala no seu traballo “Mitos de la historiografía galleguista” -en PDF na rede- doce elementos integrantes deste mito, positivos e negativos (Celtismo, Medulio, Prisciliano, Xelmírez, os Irmandiños, Pardo de Cela, os Reis Católicos, os mártires de Carral, etc.) e entre eles, destaca que os suevos, co seu primeiro reino católico da península, competiron na bibliografía galeguista coa Galicia celta na función creadora da nacionalidade galega, e cita varios textos de Castelao e outros nesta liña. Isto de buscar no pasado raíces antigas é algo común en todas partes. Así hai o Celta de Vigo, pero o Celtic de Glasgow ou os Celtics de Boston. Ou a compañía Iberia de aviación ou o tabaco Galois dos franceses. Todos facemos parecido, pensen en Numancia, por exemplo, ou na Masada dos israelís.

E cando Ramón Cabanillas di no poema “En pé” “Irmáns no amor a Suevia/ da lexendaria historia/¡en pé! En pé dispostos/ a non morrer sen loita!/ O día do Medulio/ con sangue quente e roxa/ mercámo-lo dereito/ á libre, honrada chouza...” pois está tecendo estes xuncos. Efectivamente este pasado real e mítico foi moi querido e gabado polos galeguistas antes da guerra, do país e da emigración, e despois escureceuse ante un celtismo arrasador. Lembremos, por exemplo, que existiron revistas chamadas Suevia, unha empresa Suevia Films, unha discoteca en Vigo do mesmo nome, un bar de alterne na rúa do Vilar de Ourense e moitas máis cousas. 

En calquera caso, por primeira vez na historia, faise unha grande exposición sobre este pasado tan importante para nós, e é un orgullo que se faga aquí, en Ourense. Debemos vela con cariño e respecto. O feito de que fundisen axiña cos locais e cambiasen espadas por arados, falan de que estes nosos bisavós suevos debían ser boa xente. 

Te puede interesar