Opinión

Isabel Seidel ten o don

  

O dicionario da Real Academia Galega di que un don é “cousa que concede a alguén, como un favor especial, unha institución dotada de autoridade, e en particular Deus, a Providencia etc.”. Por iso, tocados pola variña máxica dalgunha das dúas últimas posibilidades -a autoridade, creo eu a pesar do que diga o dicionario, só pode conceder favores ou prebendas, pero nunca dons- por iso, pola providencia ou os deuses, hai xente que ten un don especial. Marabilloume sempre ver como hai persoas que collen calquera instrumento musical -guitarra, gaita, o que sexa- e en cinco minutos sabe “sacar” unha canción, como se estivese metida dentro delas desde había tempo. Tamén, a facultade da creación plástica, sobre todo da máis inmediata, do debuxo. Sempre lembrarei nos meus anos primeiros no Museo Arqueolóxico os debuxos de Pepe Bouzas ou de Miguel Carballo. En cinco minutos facían que as realidades fosen máis evidentes que nunha foto. Por iso, os que carecemos radicalmente destes dons, admiramos aos que están tocados polos deuses, pola providencia. Sempre comento hiperbolicamente que teño dificultades para distinguir a gaita do piano e que se trato de debuxar un can o que faga pode parecerse máis a un boliño de calamares. Tal é o castigo, o pecado orixinal, que arrastro pola antipatía dos deuses. E non se me ocorre botarlle culpa á educación -ca!- porque igual ca min, no mesmo instituto, na mesma clase, estudaba Alberto Conde de León, inmenso jazzista ou outra xente que debuxaba de marabilla. Son simplemente negado.

O que non quere dicir que non aprecie estas artes máis alá da admiración declarada. E si. Fun varias veces ver a exposición de Isabell Seidel, xa saben, esa alemá que afincou entre nós e se fixo ourensá das terras de Amoeiro. E teño que rogarlles que se non o fixeron, vaian porque cousas como estas non se ven con frecuencia. É no Museo Municipal, na rúa de Lepanto. E si. Isabell, está tocada, moi tocada, polos deuses, polas musas, pola providencia. A captación dos numerosos recunchos urbanos do Ourense vello e novo, cunha lectura limpa, suave, con moito tono pastel, a acuarela -os portugueses din “aguarela”, pero nós dicir “augarela” sería moito- é unha auténtica marabilla.

Vendo a exposición -e outras anteriores desde os seus inicios- sempre me veu á memoria o libro de Pepe Conde Corbal e Vicente Risco “Del Orense Perdurable”. Se aquelas fortes imaxes en branco e negro saídas en La Región ao longo de semanas, representaban puras paisaxes urbanas sen presenza humana, nestas coloridas de Isabell, latexa unha pulsión de vida diaria desde perspectivas, desde puntos de vista, altos e baixos, inéditos. Os coches, os autobuses amarelos, as sombrillas, os paraugas, as persoas á penas bosquexadas, os xogos de sombras, moitas veces como película sobreexposta ás fortes luces do verán, crean unha sensación de calidez e vida extraordinaria. E os seus cadernos de viaxe, e os seus apuntes, déixannos ver a que sería unha das mellores, senón a mellor, ilustradora de libros ou comics de España. E o video da artista traballando no seu estudio dálle unha vida especial exposición. Si. Non a perdan. Aproveiten. Aínda están a tempo.

Te puede interesar